Un estudo sobre as bandas de música no concello de Guntín gaña o V Certame de Investigación Condado de Pallares

O lucense Federico Vázquez de la Fuente é o autor do traballo premiado

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Xefatura Territorial de Cultura en Lugo, apoia este certame de investigación en galego que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares

Dom, 27/11/2011 - 12:15

As bandas de música no concello de Guntín, do lucense Federico Vázquez de la Fuente, é o traballo gañador do V certame de investigación Condado de Pallares. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Xefatura Territorial de Cultura en Lugo, colabora coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares (Guntín) na organización deste certame, que promove a investigación en lingua galega sobre a cultura do antigo territorio de Ferreira de Pallares.

O xurado do premio, “que destacou a calidade de todos traballos presentados”, valorou da obra premiada a súa “singularidade e novidade da temática, a profundidade con que se abordou, o grande acerto no emprego dunha metodoloxía que combina fontes documentais con fontes orais e a aportación dun estudo que fai pervivir no tempo unha realidade cultural e histórica que está en vías de desaparecer”.

Na quinta edición do certame, o xurado estivo integrado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Fernández Suárez, polo investigador e licenciado en Arqueoloxía Jaime Delgado Gómez e por Xosé Luís Vázquez Somoza, representante da asociación que organiza o premio e que actuou de secretario.

Coñecemento e recoñecemento da cultura galega

A Xunta de Galicia colabora con este premio para favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.

Nas súas cinco edicións, este certame premiou estudos ralizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo. Nas súas últimas edicións, concretamente na terceira e na cuarta, os traballos gañadores do certame foron, respectivamente, O galego en Zolle, de Xosé Luís Vázquez Somoza, e Morgados e xurisdicións na terra de Taboada, de José Luís Díaz Castroverde.

Os concellos de Guntín e Taboada, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Novacaixagalicia tamén apoian este premio, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros e que tamén inclúe a publicación do traballo gañador.

O gañador da quinta edición

Federico Vázquez de la Fuente, profesor de música en excedencia, naceu en 1978 en Lugo. A súa formación académica levouna a cabo en Lugo, na Coruña e mais en Suecia e na actualidade actúa de concertista de clarinete por toda España e tamén no estranxeiro.

O premiado na quinta edición do certame de investigación Condado de Pallares pertence a unha familia vinculada coa música, xa que o seu bisavó, Emilio Carricoba, foi director da banda de Guntín a mediados do século pasado e formou numerosos músicos da comarca de Guntín.