Román Rodríguez anuncia a ampliación do instituto Aquis Celenis en Caldas de Reis

O obxectivo é dar resposta ás necesidades de escolarización da zona a través da construción de novas aulas para as etapas tanto de ESO como de Bacharelato

Os orzamentos de 2022 xa recollen unha partida para a licitación e redacción do proxecto e a previsión total de investimento ascende a preto de 3M€

Lun, 13/12/2021 - 14:39
aq

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, vén de anunciar a ampliación do instituto IES Aquis Celenis, na localidade pontevedresa de Caldas de Reis. Nunha visita, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, o titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou que o obxectivo desta intervención é dar resposta ás necesidades de escolarización da zona, cun investimento estimado de arredor de 3M€

Neste momento o centro contra con 377 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos do centro, incluídos os departamentos e as salas de profesores. Coa ampliación solucionarase esta situación, a través da construción de aulas polivalentes para as etapas tanto de ESO como de Bacharelato. Así mesmo, está previsto que a obra inclúa unha nova aula de música, espazo maker, ximnasio e vestiarios e varios espazos para o profesorado, constituíndo unha superficie construída total de 2.372 m².

Román Rodríguez explicou que a Consellería ten previsto asinar un convenio co Concello de Caldas de Reis para esta ampliación. Unha vez asinado, a Xunta encargará o proxecto, para o que xa figura nos Orzamentos de 2022 unha partida de 50.000€. A previsión é iniciar as obras no ano 2023.

A ampliación do novo centro realizarase xa de acordo co estipulado no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta de Galicia para crear un novo modelo de centros educativos post pandemia e que conta cun orzamento de máis de 191M€ para o período 2021-2024. Con este plan, Galicia é pioneira no impulso dun novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Así mesmo, búscase unha maior sustentabilidade e eficiencia dos edificios, que deberán ser plenamente inclusivos e accesibles e estar ben integrados na paisaxe.