A consellería de Educación convocará máis de 8.500 prazas para o procedemento de acreditación de competencias

As convocatorias impulsadas polo departamento educativo da Xunta de Galicia gozan de gran éxito entre os cidadáns

A acreditación desenvolvida pola Xunta conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia

Desta forma dáse resposta á demanda cidadá deste proceso de recoñemento para facilitar o acceso ao mercado laboral

Lun, 14/11/2011 - 17:29

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará máis de 8.500 prazas para o novo proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, que se desenvolverá nos vindeiros meses nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Desta forma dáse continuidade aos procedementos que vén desenvolvendo Educación ao longo da presente lexislatura, e que acadaron un gran éxito entre a cidadanía galega. De feito, na convocatoria que se está a desenvolver no momento actual recibíronse máis de 7.300 solicitudes para algunha das 3.200 prazas ofertadas. Para a anterior convocatoria, para 1.600 prazas de diferentes familias profesionais, recibíronse un total de 3.283 solicitudes

Novas especialidades

O procedemento de acreditación desenvolvido pola Consellería de Educación conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia, dando resposta a diferentes sectores.

Neste sentido a nova convocatoria amplía as especialidades nas que se convocan prazas, atendendo aos sectores profesionais de maior interese para a economía de Galicia. Entre as novidades, haberá prazas en unidades de competencia, dirixidas a aqueles traballadores e traballadoras con experiencia laboral nos sectores produtivos da confección e moda, fabricación mecánica, xestión de aloxamentos turísticos, enerxía e eficiencia enerxética, laboratorio de análise clínica e control de calidade, carpintería e moble e fabricación e montaxe de tubaxe industrial, entre outros.

Deste xeito a Consellería de Educación dá resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade  na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias  profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.

Cómpre lembrar ademais que a Consellería de Educación conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas  pola experiencia laboral.