A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha o seu traballo na primeira reunión da xunta directiva

No encontro, que terá lugar esta tarde, participarán o responsable de Política Lingüística, o director xeral de Administración Local, o alcalde da Estrada e o coordinador técnico da Rede

A Área Técnica da Rede, que se reunirará o próximo luns, deseñará o programa de actividades de 2012 para o fomento do galego desde o ámbito local

Xov, 10/11/2011 - 12:40
A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha o seu traballo na primeira reun
A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha o seu traballo na primeira reunión da xunta directiva

Logo do acto de constitución que tivo lugar o pasado 28 de outubro, a Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha o seu traballo para impulsar o fomento do galego desde o ámbito local. Farao esta tarde na primeira reunión da súa Xunta Directiva, o órgano de dirección executiva da Rede.

Na xuntanza de traballo, que terá lugar no concello da Estrada, participarán o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede, Anxo Lorenzo; os dous vogais da Xunta Directiva, o director xeral de Administración Pública, Norberto Uzal, e o alcalde da Estrada, José López Campos; e mais o técnico local de normalización lingüística e coordinador técnico Rede, Valentín García Gómez.  

As principais atribucións da Xunta Directiva son elaborar os plans de actuación da Rede, planificar as actividades formativas vinculadas á dinamización do galego no ámbito local e aceptar provisionalmente a incorporación de novos membros á entidade.

O labor dos técnicos e técnicas da Rede

Ademais de abordar o calendario de próximas xuntanzas de traballo da Rede e de actuacións administrativas, a reunión de hoxe estará centrada no establecemento de pautas comúns para o traballo coordinado, planificado e eficaz da Área Técnica da Rede, así como no reforzo da formación dos seus técnicos e técnicas.

Pola súa banda, a Área Técnica reunirase o 14 de novembro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para iniciar o deseño do programa de actividades que poñerá en marcha a Rede durante o próximo ano a través dos seus membros, co fin de promover a extensión social do galego desde o ámbito local.

Un nova dinámica de traballo

A Rede de Dinamización Lingüística é un punto de encontro para o traballo conxunto entre as administracións  autonómica e local a prol do fomento do uso do galego. A súa creación responde á necesidade de establecer unha nova dinámica de traballo para promover a  dinamización lingüística.

A Rede inaugura un novo modelo de actuación en materia de dinamización lingüística desde o ámbito local que se basea na planificación e na coordinación e que favorece a colaboración e o diálogo entre o Goberno galego e os concellos. Actualmente, 93 entidades xa forman parte da Rede, entre elas, máis de 80 municipios de toda Galicia.