Galicia terá o vindeiro curso máis unidades en infantil e primaria que antes da pandemia, malia rexistrarse unha caída de 6.000 alumnos
Galicia continuará tendo a mellor rateo profesor/alumno de España xunto con Estremadura, e mellora en dous puntos a media estatal
A Xunta mantén todas as escolas unitarias abertas para dar resposta ás necesidades do sistema educativo, especialmente no rural
Aplícanse todas as garantías sanitarias e de investimento necesarias para un ensino de calidade, pese a intensificarse a tendencia de diminución do alumnado
A Xunta de Galicia manterá o vindeiro curso 2021/22 máis unidades en Infantil e Primaria ca no curso anterior á pandemia, 2019/20. Isto, malia á caída de matrícula nuns 6.000 alumnos nestas etapas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación do catálogo de unidades que confirma, ademais, que se manteñen abertas todas as escolas unitarias en funcionamento.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade dispón todas as unidades precisas para dar resposta ás necesidades do sistema educativo o vindeiro curso. Deste xeito, terá todos os postos escolares e o plantel de profesorado para garantir os máximos estándares de calidade do ensino, malia a tendencia de diminución do alumnado.
A evolución de alumnado e unidades pode apreciarse na seguinte táboa. Nela constátase un incremento de 191 unidades no vindeiro curso respecto ao último curso previo á pandemia (2019/20) a pesares de perder nese período 6.000 alumnos.
|
Curso 2019/20 |
Curso 2020/21 |
Curso 2021/22 |
Diferenza co 2019/20 |
Alumnos |
137.275 |
134.683 |
131.275 |
- 6.000 |
Unidades |
7.451 |
7.785 |
7.642 |
+191 |
Independentemente deste descenso demográfico, a Xunta de Galicia segue apostando polo reforzo e estabilización das plantillas de profesorado. En concreto, acábanse de celebrar as oposicións de educación con preto de 4.000 prazas e xa está aprobada unha nova oferta de emprego para o ano que vén con outras 1.600.
O Goberno galego mantén, ademais, as rateos establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria, de 25 alumnos por aula. De feito, Galicia mellora esas rateos, dado que ten a mellor rateo alumno/profesor de España xunto a Estremadura (9,2 fronte á media estatal de 11,3). Así mesmo, o 70% das aulas de Infantil e Primaria da nosa Comunidade teñen 20 alumnos ou menos e o 30% teñen 10 alumnos ou menos.
Cómpre lembrar que o vindeiro curso non hai cambios no protocolo covid de Primaria determinado polos Ministerios de Sanidade e Educación, polo que se manteñen os grupos burbullas e as principais medidas previstas para o conxunto das CCAA.
A Xunta ten como obxectivo acadar os excelentes resultados que se alcanzaron no curso 2020-21, en especial no que se refire á máxima seguridade nas aulas, que se demostraron espazos seguros fronte á covid, con colexios e institutos abertos durante todo o curso cunha presencialidade que permitiu que o proceso de aprendizaxe non se detivese.