Competencia dixital
A competencia dixital no ámbito educativo de Galicia vertébrase a través dos tres marcos europeos elaborados polo Centro Común de Investigación (Joint Research Centre, JRC) da Comisión Europea:
- O Marco europeo para as organizacións educativas dixitalmente competentes é a referencia para os centros educativos e para a elaboración do Plan Dixital de centro.
- O Marco Galego de Competencias Dixitais, que toma como referencia o Marco Europeo de Competencias Dixitais para a Cidadanía (DigComp 2.2), é a referencia para a competencia dixital do alumnado. Nesta ligazón, a versión en castelán.
- O Marco Europeo da Competencia Dixital Docente (DigCompEdu nas súas siglas en inglés) é a referencia para o desenvolvemento da competencia dixital do profesorado. A tradución ao galego pode descargarse nesta ligazón e así como unha folla resumo do marco nesta outra. Partindo do DigCompEdu, as Comunidades Autónomas e o Ministerio de Educación e Formación Profesional realizaron unha adaptación ao contexto educativo do Estado español que resultou na publicación, no BOE do 16 de maio de 2022, da actualización do Marco de Referencia da Competencia Dixital Docente.
Neste camiño da dixitalización do ensino, a Xunta de Galicia desenvolve a Estratexia Educación Dixital 2030, que consta de 12 accións de impacto que pivotan sobre dous eixes:
- Xerar “un ecosistema” dixital nos centros educativos.
- Formar tanto a profesorado como a alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías.
Nas liñas estratéxicas dos eixes para acadar ecosistemas educativos dixitais e perfeccionamento das competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital, a Consellería incide nas seguintes accións:
- A implementación, seguimento e avaliación do Plan Dixital de Centros.
- A constante mellora dos contidos dixitais.
- A acreditación das competencias dixitais da comunidade educativa.