A Xunta acredita o de Ferrol como primeiro campus de España especializado na industria naval

O Diario Oficial de Galicia publica o recoñecemento, que irá acompañado do apoio económico do Goberno galego

Desde 2015 investíronse 2,85M€ neste proxecto

Ven, 26/03/2021 - 10:52

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o recoñecemento do Campus de Ferrol como primeiro campus con especialización acreditada de todo o Sistema Universitario Español, que é tamén o primeiro centrado na industria naval. Cómpre lembrar que o obxectivo da estratexia de especialización de campus iniciada polo Goberno galego en 2013 é precisamente vencellar a súa actividade docente e investigadora ao tecido socioprodutivo da súa contorna, de tal forma que funcionen como axentes clave no desenvolvemento económico e social da zona e de Galicia.

No caso concreto do Campus Industrial de Ferrol, proxecto iniciado no 2015, ten un enfoque estratéxico ligado ao sector naval, oceánico e industrial, reestruturando a oferta docente e impulsando a creación de polos de referencia en I+D+i. A acreditación suporá, entre outros efectos, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento da cidade.

O investimento da Xunta de Galicia no período 2015-2020 para o desenvolvemento de accións ligadas á acreditación do Campus Industrial de Ferrol foi de 2,85M€. A súa acreditación como campus especializado trae consigo, ademais, un apoio económico adicional que se materializará a través da sinatura dun convenio de financiamento a tres anos entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade da Coruña para abordar os novos retos como campus especializado.

Áreas de traballo

O Campus industrial de Ferrol basea a súa especialización en cinco áreas, ligadas aos piares fundamentais da Fábrica do futuro: a robótica aplicada á industria, a fabricación aditiva e de materiais intelixentes, a optimización dos procesos industriais e loxísticos, o deseño industrial e desenvolvemento de produto e a xestión da formación, talento humano e riscos na fábrica do futuro.

A través delas, búscase reforzar as sinerxías con sectores fundamentais para a comarca como a industria naval, o metal, o sector marítimo e portuario-loxístico ou a xeración de enerxía.

O Plan operativo do Campus industrial de Ferrol establece para o período 2021-2023 un total de 13 liñas de actuación e 27 accións a través das cales se desenvolverán os obxectivos estratéxicos para o fortalecemento do campus. Entre eses obxectivos está a creación dun centro de xeración de coñecemento e I+D especializado ou que o propio campus exerza como principal axente de transferencia e colaboración do tecido produtivo industrial para trasladar os avances da industria intelixente e a fabricación avanzada ao tecido empresarial.

Avaliación

Para acadar a acreditación, o Campus Industrial someteuse a un proceso de avaliación por parte dunha Comisión de expertos independentes, externos ao Sistema Universitario Galego, tras o que se decidiu outorgar unha acreditación de tres anos, cun seguimento sobre o cumprimento dos indicadores definidos.

En concreto, os aspectos que deberá fortalecer o Campus para manter a acreditación os próximos anos son a mellora da captación de talento predoutoral e posdoutoral, o desenvolvemento dun programa de doutoramento industrial, mellora e o incremento dos indicadores de produción científica.

Ademais, deberá avanzar nos resultados de transferencia de coñecemento ao sector produtivo, con especial incidencia no aumento das patentes rexistradas, desenvolvemento da unidade mixta de investigación UDC Navantia e mellora do programa de cátedras.

Así mesmo, valorarase a internacionalización, incrementando o número de estudantes estranxeiros ou a participación en proxectos europeos.

Balance

O Campus Industrial leva xa feito un importante traballo na transferencia de coñecemento co tecido produtivo, coa sinatura de máis de 103 convenios con empresas e institucións desde 2016, a captación de máis de 3M€ e con 56 patentes concedidas. Así mesmo, creouse unha unidade mixta de investigación UDC-Navantia para o desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitan incrementar a competitividade do asteleiro.

Con todo, o avance máis salientable foi a renovación da oferta académica en liña coa industria intelixente, coa posta en marcha de seis titulacións, en concreto o grao bilingüe en Xestión Industrial da Moda, o grao dual en Enxeñería Electrónica (primeiro título dual do Sistema Universitario de Galicia) e o grao en Xestión Dixital da Información e Comunicación, así como os máster en Eficiencia e Aproveitamento enerxético, Deseño, desenvolvemento e comercialización de Videoxogos e en Enxeñería en deseño Industrial. Desde o inicio deste proceso, o alumnado de primeiro curso matriculado no Campus de Ferrol medrou un 16%.