A Xunta reforza o orzamento das universidades cun novo fondo de 10M€ destinado a iniciativas de innovación e dixitalización
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e os reitores das tres universidades galegas pecharon hoxe o acordo de reparto nunha reunión
Esta inxección económica suporá un pulo á modernización dos sete campus tanto en infraestruturas como en servizos de cara aos próximos anos
As actuacións quedarán agora plasmadas nun convenio de colaboración
A USC destinará as súas partidas á licitación do proxecto básico do edificio de Ciencias de Saúde, a Facultade de Medicina ou a administración electrónica
A UDC centrarase en renovación tecnolóxica, equipamentos dos centros docentes, formación en competencias dixitais ou ciberseguridade, entre outros
A UVigo aposta pola internacionalización dixital, coa captación de alumnos ‘en remoto’ no estranxeiro, renovación e implantación dun sistema integral
A Xunta e as tres universidades galegas pecharon hoxe o reparto dun novo fondo de 10M€ adicionais que se incorporan aos orzamentos da Comunidade Autónoma en 2021 e que suporá un importante impulso á innovación e dixitalización das infraestruturas e servizos dos sete campus do Sistema Universitario Galego (SUG).
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos reitores da USC, Antonio López; da UDC, Julio Abalde, e da UVigo, Manuel Reigosa, para pechar a estruturación das accións a levar a cabo con cargo a este fondo e que quedarán plasmadas de xeito pormenorizado nun convenio de colaboración entre as partes, que se materializará proximamente.
O conxunto de accións previstas cínguense aos ámbitos específicos da innovación e a dixitalización tanto en infraestruturas como en servizos, o que suporá un impulso da modernización universitaria en Galicia de cara aos próximos anos.
Distribución a tres bandas
Segundo se acordara xa en anteriores xuntanzas, o criterio de reparto establécese en base ao peso dos créditos de matrícula auditados para cada unha das universidades no período 2019-21. Deste xeito, a USC, cun porcentaxe de crédito do 40,4% sobre o total, recibirá 4,04 millóns de euros, mentres que á UVigo lle corresponden 3,16 millóns de euros (31,6% dos créditos) e á UDC 2,8 millóns (28% dos créditos).
Á falta das especificacións concretas que quedarán plasmadas no convenio, no que atinxe ás propostas achegadas polas universidades, a Universidade de Santiago de Compostela centrará o investimento na adecuación das infraestruturas aos cambios dixitais, o que abrangue a nova Facultade de Medicina e a licitación do proxecto básico do edificio de Ciencias da Saúde. Así mesmo, daralle un impulso á administración electrónica mediante a dixitalización de expedientes administrativos.
Pola súa parte, a Universidade da Coruña (UDC) centrará as súas melloras na área de dixitalización (sistemas de videoconferencia, accesos remotos, ciberseguridade) potenciando a conectividade e compatibilizando a docencia presencial e non presencial; a renovación tecnolóxica dos servizos centrais e o equipamento informático dos centros docentes e a potenciación da administración electrónica. Así mesmo, entre as súas propostas está a de incidir na formación do persoal en competencias dixitais e recursos electrónicos.
No que respecta á Universidade de Vigo (UVigo), aposta pola implantación dun sistema de administración electrónica integral da universidade, a renovación tecnolóxica de infraestruturas e a internacionalización dixital impulsando a captación de alumnos en remoto no estranxeiro.