O conselleiro de Educación comproba o resultado das obras de reforma e mellora realizadas no CEE Saladino Cortizo, en Vigo
Xesús Vázquez percorreu as instalacións, nas que a Consellería vén de investir 1.875.000 euros
O conselleiro sinalou “que as actuacións realizáronse co fin de adaptar o edificio ás necesidades dos seus usuarios”
Vídeo coas declaracións de Xesús Vázquez, nas visita ás instalacións do C.E.E Saladino Cortizo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe pola mañá o resultado das obras de reforma e mellora realizadas no Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, en Vigo.
Durante a súa visita á obra, que tivo un custe de 1.875.000 euros e que afectou a todas as instalacións, o conselleiro destacou que “con estas actuacións adaptouse o edificio ás necesidades que presentan os seus usuarios, e ás que era preciso dar resposta”. Así Vázquez Abad recordou que “contestamos a todas as necesidades educativas que se presentan nos centros educativos galegos tanto de carácter profesional, como persoal e material. Neste caso resultaba moi importante rematar esta obra xa que os seus usuarios presentan unha serie de dificultades que precisan unhas respostas concretas que lles permitan un mellor acceso ao seu lugar de formación”.
Ademais o conselleiro sinalou que “non podemos esquecer que a educación é vital para que todos estas alumnas e alumnos se poidan enfrontar ao mundo con maior seguridade e con máis expectativas de futuro”. Así rematou que “o nosa labor é formar ao futuro galego, para o que contamos con grandes docentes que demostran a súa profesionalidade co seu esforzo e traballo diario. A todos eles, como titular de Educación da Xunta, quero transmitirlles os meus parabéns e ánimos, xa que non podemos esquecer que entre o seu traballo e o que esta a realizar a Consellería, en todos os aspectos, continuamos a mellorar a calidade educativa en Galicia, o cal é de destacar, máxime nestes tempos de grave crise económica”.
O conselleiro visitou as instalacións do centro acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; o xefe territorial da provincia, César Pérez Ares; a directora do centro, Concepción Martínez; así como parte do equipo educativo do centro.
As reformas e melloras
Todos eles comprobaron o resultado das obras que afectaron a case todo o edificio e que tiveron como fin adaptalo ás súas funcións, respectando a estrutura orixinal e potenciando os elementos arquitectónicos da construción.
Neste senso foron demolidos todos os anexos que desvirtuaban o edificio orixinal e uníronse un grupo de aulas co obxectivo de facer máis rendible o seu uso, ao tempo que se concentraron os servizos nun mesma zona, e se crearon espazos para os talleres de formación que precisan os estudantes.
Ademais realizáronse obras de carpintaría co obxectivo de darlle un bo illamento tanto técnico como acústico; tamén se modificou a pavimentación dos patios; realizouse unha mellora dos acabados en pinturas e teitos, e melloráronse os mecanismos eléctricos, sanitarios e de fontanaría.
No centro están matriculados 84 alumnas e alumnos, que asisten a clases de obxectivos de educación infantil, primaria e secundaria así como programas de cualificación profesional inicial (PCPI). Todos eles contarán con 18 aulas, 7 flexibles, ademais doutras tres aulas para usos múltiples, e a de fisioterapia. Ademais o colexio dispón de catro talleres, sala común de usos múltiples, ximnasio, comedor, despachos, así como espazos exteriores con patios e zonas de xogos.
Con esta visita a Consellería, a través do seu titular, segue a demostrar o seu interese por coñecer de cerca a situación dos centros educativos galegos, así como as súas necesidades, tanto en termos de infraestrutura como persoais, a través do diálogo directo cos membros dos distintos equipos educativos, dos que Vázquez Abad recordou que “a súa profesionalidade e entrega é clave para a formación das galegas e galegos”.