A investigación lingüística sobre o galego avanza grazas á colaboración entre a Consellería de Educación e a USC

O conselleiro de Educación e o reitor da Universidade compostelá asinaron hoxe un convenio bianual, de máis de 269.000 euros, para impulsar o labor do Instituto da Lingua Galega

Ademais dos proxectos nos que a Xunta xa viña colaborando, o convenio inclúe a elaboración dos materiais galegos para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica

Mér, 21/09/2011 - 11:36
A investigación lingüística sobre o galego avanza grazas á colaboración entre a
A investigación lingüística sobre o galego avanza grazas á colaboración entre a Consellería de Educación e a USC

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que lle permitirá ao Instituto da Lingua Galega continuar avanzando no desenvolvemento da súa actividade científica. Con este novo acordo, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reafirma o seu compromiso coa investigación lingüística sobre o galego. Dito convenio cunha contía de 269.645 euros que se repartirá en dúas anualidades, o que volve a demostrar o interese da Consellería de Educación polas actividades desenvolvidas no ILG, a pesares da grave crise económica

Durante o acto de sinatura –no que tamén participaron o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e en representación do ILG asistiron Antón Santamarina e Ramón Lorenzo–, Xesús Vázquez gabou a traxectoria “rigorosa, innovadora e recoñecida internacionalmente que converteu o ILG nun exemplo de investigación seria e responsable na área das humanidades”. Ao fío disto, destacou que “o labor desenvolvido polo ILG nos últimos corenta anos contribuíu a recoller e a poñer en valor a lingua oral, a fornecer de materiais de referencia na ortografía, no léxico e na gramática, e a estudar a fondo as variedades da lingua”.

Xesús Vázquez tamén destacou a contribución realizada no campo da investigación lingüística pola Real Academia Galega, polo Consello da Cultura Galega e polas tres universidades galegas, que contan co apoio da Xunta. Finalmente, recordou o labor que promove neste campo a propia consellería a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Os materiais galegos para o ALPI

Ademais dos proxectos nos que a Xunta xa viña colaborando co ILG, o convenio asinado hoxe inclúe unha nova iniciativa. Trátase da elaboración e edición dos materiais galegos para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), que o ILG levará a cabo en colaboración cun equipo internacional de investigadores coordinado desde o Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas. Os traballos ligados a este proxecto inclúen, entre outros, labores de dixitalización e clasificación dos materiais, transcrición fonética, incorporación de recursos gráficos e traballos de deseño da aplicación de consulta e da aplicación cartográfica de representación do ALPI.

A colaboración da Xunta co desenvolvemento do ALPI compleméntase co apoio a proxectos punteiros nos que o ILG vén traballando desde hai anos. É o caso do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). Ao abeiro do convenio elaboraranse novos volumes deste atlas e daráselles continuidade aos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática do proxecto.

Recollida de novos textos orais

O proxecto do Arquivo do Galego Oral (AGO) do ILG tamén recibirá un novo impulso, grazas aos traballos de dixitalización, catalogación e etiquetaxe dos fondos orais que se levarán a cabo entre este ano e o 2012. Tamén se recollerán textos orais dos escasos concellos dos que aínda non se ten documentación, así como gravacións nalgúns puntos do galego estremeiro.

A actualización da base de datos lexicográfica e o mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) tamén se inclúen no convenio. Con este fin, está prevista, entre outras accións, a incorporación ao Dicionario de dicionarios das dúas edicións de Leandro Carré Alvarellos que faltaban: a segunda, de 1933, e mais a terceira, de 1955, con 20.000 e 25.000 entradas, respectivamente.

Iniciativas sobre o estudo do galego medieval

Finalmente, o ILG acometerá novos traballos centrados no estudo do galego medieval para, entre outras iniciativas,  impulsar a edición da colección diplomática de documentos galegos medievais do mosteiro cisterciense de Santa María de Oia (Pontevedra), continuar con labores de mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) e poder presentar, en 2012, a Biblioteca dixital da Galicia Medieval (BGM).

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad