O conselleiro de Educación asiste aos actos de conmemoración do XXV aniversario do IES Xunqueira II, en Pontevedra

No acto estiveron presentes os directores, e numerosos estudantes do centros desde a súa inauguración no 1986

O instituto caracterizase polas súas actividades como a radio escolar ou a organización de viaxes ao estranxeiro

Lun, 19/09/2011 - 16:45
O conselleiro de Educación asiste aos actos de conmemoración do XXV aniversario
O conselleiro de Educación asiste aos actos de conmemoración do XXV aniversario do IES Xunqueira II, en Pontevedra

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola mañá, en representación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aos actos que conmemoran o XXV aniversario do IES Xunqueira II de Pontevedra, ao tempo que se dá comezo ao curso escolar na cidade do Lérez.

Durante a súa intervención na celebración o conselleiro destacou que “este centro durante os seus vinte e cinco anos de funcionamento atopou o xeito de converterse en algo máis que un lugar de estudo e aprendizaxe”, ao que engadiu que “sodes un centro feito por e para persoas que conforman unha comunidade educativa extraordinaria. Unha comunidade que traballa en equipo, que colabora e suma para que o alumnado chegue a ser unha cidadanía exemplar, decidida a conseguir un mundo máis humano e solidario”.

Ao longo do acto Vázquez Abad estivo coa directora do centro, María Cristina López Gago, así como do equipo directivo do instituto. Tamén asistiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, así o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.

Xunto a todos eles tamén estiveron presentes os directores do centros desde a súa inauguración no 1986, ata agora, así como os representantes de nais, pais e estudantes no Consello Escolar desde a mesma data. Xunto a todos eles os mestres que se manteñen durante este cuarto de século como Luis Fernández Fernández e María Carmen González García e Olga López Míguez. Cómpre sinalar que este foi o cuarto instituto da cidade do Lérez.

Numerosas actividades

Durante o acto interveu un dos primeiros alumnos do IES Xunqueira II, José Pereira Fariña, actual decano da Facultade de Comunicación da USC; fixo un repaso da súa experiencia no centro, no que xa demostrou o seu interese pola información coa súa participación como estudante na radio escolar ao tempo que durante a súa época de estudante aproveitou as numerosas actividades que o centro ofertaba como viaxes e actividades varias.

Cómpre destacar que o centro, que chegou a contar con 1.005 estudantes se destaca pola grande oferta en actividades diversas, como deportes, política, música, e viaxes ao estranxeiro grazas aos intercambios realizados con estudantes de outros países ou por motivos culturais ou de celebración (con motivo do fin de curso) entre outras.

Na actualidade o instituto, conta con 388 estudantes de Secundaria e 162 de Bacharelato, continúa a desenvolver numerosas actividades de cara ao beneficio na formación dos estudantes e pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o ano 2009, e leva percibidos 26.000 euros para dito espazo.