Fernando Díaz-Castroverde gaña o V Premio de Narrativa Breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou esta mañá no acto no que se fixo público o gañador do galardón, que tivo lugar na Coruña

A secretaría xeral, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran coa Fundación Repsol na convocatoria do premio

Xov, 15/09/2011 - 17:20
Anxo Lorenzo, na presentación do gañador do premio
Anxo Lorenzo, na presentación do gañador do premio

Fernando Díaz-Castroverde é o novo gañador do Premio de Narrativa Breve Repsol, pola súa obra Microbios e outros paquidermos. O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu esta mañá ao acto de comunicación do fallo, realizado na Refinería de Repsol na Coruña, onde lle trasladou publicamente os seus parabéns ao galardoado. O secretario xeral estivo acompañado no acto polo vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo, e pola portavoz do xurado do premio, a escritora Fina Casalderrey, que foi a encargada de ler a acta do fallo.

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo referiuse ao Premio de Narrativa Breve Repsol como “un galardón que se consolida, ano tras ano, grazas á calidade das obras premiadas e ao interese que esperta tanto entre os autores noveis como entre aqueles que levan iniciado o camiño das letras”. “Boa mostra desta acollida –engadiu– dánnola os 39 orixinais que optaban a gañar a quinta edición do premio”.

Estimular a creación en galego

“O valor dos premios e certames de literatura para estimular a creación en galego neste campo” foi outros dos aspectos nos que incidiu o secretario xeral. Ao fío disto, recordou a conmemoración, o pasado mes de xullo, dos 150 anos da celebración dos primeiros Xogos Florais da Coruña, “un certame poético que marcou o inicio do noso Rexurdimento literario e, con el, a restauración do galego como idioma de cultura”.

Anxo Lorenzo quixo aproveitar esta referencia á significación dos premios literarios para felicitar o escritor Agustín Fernández Paz, a quen lle veñen de conceder o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. “Este novo recoñecemento á obra literaria de Fernández Paz, fonte de soños para os lectores de todo o mundo, é un agasallo xeneroso para a lingua galega”, asegurou o secretario xeral.

Finalmente, o responsable de Política Lingüística destacou “o papel determinante que desenvolve unha industria cultural de primeira orde en Galicia como é o sector editorial na difusión e promoción do idioma propio de Galicia”.

Pola súa parte, César Gallo destacou o compromiso da empresa Repsol e da súa fundación “con distintas iniciativas e proxectos sociais, educativos e culturais en Galicia” e agradeceu “o inestimable apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritores en Lingua Galega”. César Gallo tamén amosou a súa satisfacción pola aceptación e participación acadada polo premio, “o que lle permite cumprir a súa quinta edición”.

A obra gañadora

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran coa Fundación Repsol na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol, que vén de celebrar a súa quinta edición. O xurado, composto por Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey, definiu a obra gañadora deste ano como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos” e destacou “o uso da contundencia do breve, utilizando a retranca, o absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Tamén destacou da obra os microrelatos intelixentes que levan á reflexión, xa que conseguen un ritmo áxil que convida o lector a pensar”.

O autor da obra, Fernando Díaz-Castroverde Gómez, naceu en Lugo en 1967. É escritor e exerce como profesor de lingua e literatura galegas no IES María Casares de Oleiros. O seu traballo literario valeulle, entre outros, os premios de poesía Concello de Carral, Concello de Culleredo, e Meigas e Trasgos. Publicou o libro de poesía Camiño de píntegas (Espiral Maior, 1998) e participa en distintas publicacións literarias, como A Trabe de Ouro e Cadernos de Pedagoxía, ademais de antoloxías colectivas.

A traxectoria do premio

Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. E, na pasada edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra Os fíos.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística

Menús News node R