O conselleiro de Educación comproba a evolución das obras de reparación do CEIP Juan de Lángara, en Ferrol

Xesús Vázquez Abad recordou que se investirán preto de 350.000 euros na mellora das instalacións de carpintería e instalación eléctrica

Posteriormente visitou o IES Sofia Casanova no que están orzamentados preto de 60.000 euros nas obras de carpintería e o CIFP Ferrolterra que comezara a funcionar o vindeiro mes

Mar, 23/08/2011 - 13:51
CEIP Juan de Lángara, en Ferrol
O conselleiro de Educación comproba a evolución das obras de reparación do CEIP Juan de Lángara, en Ferrol

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola maña o CEIP Almirante Juan de Lángara, de Ferrol, no que se están a realizar as obras correspondentes a primeira fase da mellora e reparación que rematará en 2013, e que están orzamentadas en preto de 350.000 euros.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a xefe territorial de Educación na provincia, María Teresa Villaverde; e a directora do centro, Esperanza María Díaz González así como parte do equipo docente.

Vázquez Abad recordou que “nestes momentos estanse a realizar obras de reparación de carpintería e instalación eléctrica por valor de 117.772 euros, correspondentes a primeira fase, e que se están a desenvolver na fachada norte”, ao que engadiu que “as melloras serán desenvolvidas en tres fases co obxectivo de non entorpecer o desenvolvemento das clases, e garantir a seguridade do estudantes do centro. Por este motivo as accións terán lugar fora dos horarios lectivos de estudantes e persoal do centro”.

Estas obras afectan a cambios na carpintería, a reforma de fiestras e a adaptación do sistema eléctrico do centro á normativa actual. Ademais tamén se realiza a mellora das fachadas dos patios do centro educativo. Todo isto co obxectivo de adaptar esta edificación dos anos sesenta aos tempos actuais proporcionando una maior confort aos seus usuarios ao tempo que se obterá un importante aforro enerxético.

En tres fases

Cómpre destacar que dada a complexidade da obra, e o seu alto presuposto nunha época de crise, levaranse a cabo en dúas fases máis. Así en 2012 investíranse outros 116.000 euros para continuar coa carpintaría e a fachada de capela, así como para rematar coa instalación eléctrica. O mesmo orzamento está disposto para que en 2013 remate a obra de carpintería e sexan reparadas as fachadas dos patios.

De todas estas obras de mellora se beneficiaran ás máis de 200 alumnas e alumnos de educación infantil e primaria, que estudan neste centro que ata o 2007 pertencía á Mariña. Cómpre sinalar que desde ese ano leva percibidos máis de dous mil euros da Consellería para fomentar a biblioteca escolar. Ademais a Consellería instalou recentemente novas portas de acceso ao patio traseiro ao que se accede desde a planta baixa, dando deste modo resposta a unha demanda realizada pola propia comunidade educativa na última visita realizada ao centro. Un investimento que sumou máis de tres mil euros en melloras do colexio.

Visita ao IES Sofía Casanova

Tras visitar este colexio o conselleiro xunto aos representantes do concello e da Xunta, desprazouse ao IES Sofía Casanova, cuxas instalacións percorreron acompañados polo director Juan Rodríguez Silvar, e comprobaron a evolución das obras relativas á substitución da carpintaría exterior que se están a realizar nestes momentos. Unha actuación que cun orzamento de 60.000 euros responde as normas de calidade europea e á adaptación de aulas, e que beneficiará aos máis de cincocentos estudantes que asistiran ao centro o curso que está próximo a comezar.

Cómpre recordar que este instituto continuará o vindeiro curso escolar no proxecto Abalar, que comezou o ano pasado en 1º da ESO e que agora incorporará ás alumnas e alumnos de 2º da ESO. Asemade o IES seguirá contando con seccións bilingües que o curso pasado xa beneficiaban a estudantes de bacharelato e ESO. O centro pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, e dito espazo leva recibidos 8.000 euros.

O novo CIFP Ferrolterra

O conselleiro achegouse durante a súa visita á cidade ao CIFP Ferrolterra – anterior Politécnico- que comezará este vindeiro curso a funcionar como Centro Integrado de Formación Profesional. Alí Vázquez Abad, xunto ao director do centro Enrique Pazo López, deu conta das reformas realizadas na carpintería exterior do centro, nas que a Consellería investiu máis de 70.000 euros, co fin de adaptala ás esixencias de aforro enerxético, así como á creación de novos talleres e a adaptación de aulas para os ciclos formativos.

Durante o seu percorrido polo centro, o conselleiro visitou as aulas nas que se van impartir 16 ciclos de Formación Profesional en réxime ordinario e 4 ciclos en réxime modular para adultos. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta recordou que, grazas á súa conversión en centro integrado, o Ferrolterra oferta para o vindeiro curso un total de 363 prazas en réxime ordinario, en 7 ciclos de grao medio e 9 de grao superior; ademais dos 20 módulos en 4 ciclos diferentes da oferta para adultos. Ademais este centro incorpora, como nova oferta, o ciclo superior en Eficiencia enerxética e Enerxía solar térmica, e recibe do centro de Fene a rama de Electrónica.

A biblioteca escolar do centro, integrada dentro do Plan de Mellora (PLAMBE) leva recibidos máis de 29.000 euros para a potenciación deste espazo.

Actuacións en centros educativos

Con este tipo de accións a Consellería continúa a traballar na mellora dos centros educativos galegos, dotando a estes do material e infraestruturas necesarias para que, tanto profesorado coma alumnado, poida desenvolver o vindeiro curso as súas actividades nas mellores condicións posibles.

O conselleiro segue a dar conta do seu interese polo estado das instalacións educativas da provincia, posto que ter uns centros en perfectas condicións e atender as demandas dos membros da comunidade educativa é esencial para ter unha educación de calidade. Cómpre lembrar que o pilar esencial para lograr a excelencia educativa é o profesorado galego, sen a súa profesionalidade e compromiso constante é imposible lograr a formación plena das novas xeracións.

Declaraclaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad