Os orzamentos da Xunta para o 2020 reforzan o apoio á universidade e o fortalecemento das estruturas de investigación
Así o destacou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, durante unha visita ao centro de investigación CICA-INIBIC para coñecer o proxecto científico da Starting Grant Elena Pazos
Na área da Coruña Educación inxecta preto de 1,8 millóns de euros no impulso de infraestruturas educativas como a construción do CEIP Novo Mesoiro, o novo CEIP de Arteixo, a rehabilitación do IES Eusebio da Guarda e o novo aulario de infantil de Coirós
Carmen Pomar salientou que o Goberno galego aposta por “unha Galicia innovadora e por unha Galicia moza e que medra” cunhas contas que dan estabilidade e seguridade para os próximos anos
Os orzamentos da Xunta de Galicia na área de Educación para o próximo ano 2020 impulsan o apoio ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o reforzo das estruturas de investigación universitaria. Así o salientou esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, durante unha visita ao Centro de Investigación Científica Avanzada+ Instituto de Investigación Biomédica CICA-INIBIC, para coñecer de preto o proxecto de investigación que a científica galega Elena Pazos -que vén de obter unha beca Starting Grant (StG) dotada con 1,5 millóns de euros- vai desenvolver nesta agrupación estratéxica vinculada á Universidade da Coruña.
A titular de Educación destacou o “marcado carácter social” dunhas contas que ofrecen un escenario de seguridade e estabilidade “que permiten, entre outras cousas, seguir apostando polo Sistema Universitario de Galicia e polos grupos de investigación” non só desde unha perspectiva estrutural, senón tamén no que atinxe ao apoio á carreira investigadora e á captación e retención de talento. Así, para o vindeiro ano haberá unha partida de 441 millóns de euros para ao financiamento do SUG (o que representa un 2,63 % máis que o actual -e un 18% de crecemento con respecto a 2015-) e 64 millóns de euros destinados exclusivamente á investigación universitaria, o que representa unha medra do 4%.
Polo tanto Carmen Pomar lembrou que este apoio estable e permanente á investigación universitaria por parte do Goberno galego vaise ver especialmente reforzado nestes orzamentos que acaban de ser aprobados polo Consello da Xunta para iniciar a súa tramitación parlamentaria.
Infraestruturas na área da Coruña
No que atinxe á área da Coruña, as infraestruturas educativas acaparan un investimento de preto de 1,8 millóns de euros para o vindeiro ano. Desta cantidade, 1,1 millóns de euros van destinados exclusivamente á construción do CEIP Novo Mesoiro e á rehabilitación do IES Eusebio da Guarda.
Ademais destas dúas importantes obras na cidade herculina, hai que engadir a construción dun novo aulario de infantil en Coirós -orzamentado con 600.000 euros- e a elaboración do proxecto para o novo CEIP de Arteixo.