O conselleiro de Educación visitou as instalación do CEIP do Xurés, en Lobios

Vázquez Abad coñeceu de primeira man as necesidades educativas do colexio, no que estudan 58 alumnas e alumnos

Mér, 11/05/2011 - 14:13

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP do Xurés, na localidade ourensá de Lobios, onde puido coñecer de primeira man as necesidades da súa comunidade escolar.

Vázquez Abad, que estivo acompañado no seu percorrido polo centro pola xefa territorial de educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira, visitou as instalacións nas que estudan 58 alumnas e alumnos de educación Infantil e Primaria. Neste sentido recordou o compromiso da Consellería co colexio, onde se investiu máis de 44.200 euros en traballos de mellora para a colocación da fiestraxe exterior.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia interesouse ademais polas distintas actividades de fomento da lectura que se están a desenvolver na biblioteca do colexio. Vázquez Abad salientou a importancia do hábito lector nos máis novos, algo ao que está a contribuír a Consellería neste centro a través da achega de 4.300 euros para a mellora dos recursos e fondos da súa biblioteca.

Esta visita enmárcase no percorrido que Xesús Vázquez Abad está a realizar polos centros educativos para coñecer o funcionamento particular de cada un deles e os intereses das súas comunidades educativas.