O conselleiro de Educación visita a biblioteca do Centro de Educación Especial Miño, na localidade ourensá de Velle

O colexio está incluído na rede de bibliotecas do Plan de Mellora

Lun, 09/05/2011 - 12:17
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visit
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a nova biblioteca do Centro de Educación Especial Miño, na localidade ourensá de Velle

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a nova biblioteca do Centro de Educación Especial Miño, na localidade ourensá de Velle. Desta forma o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou para coñecer este espazo, que entrou este curso 2010/2011 a formar parte da rede de bibliotecas que participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Durante o percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, Vázquez Abad destacou a importancia das actividades que se están a desenvolver no centro de Velle para o desenvolvemento dos seus 38 alumnos e alumnas. “O fomento da lectura entre os máis novos é fundamental para o máximo aproveitamento da etapa escolar”, dixo. “As actividades que se organizan nas bibliotecas escolares ao abeiro do Plambe son excelentes estímulos para que os escolares adquiran o hábito lector a través de xogos e actividades lúdicas que son, ao tempo, recursos didácticos de calidade”, engadiu

Vázquez Abad reiterou o apoio decidido da Consellería a estas iniciativas, non en balde o centro leva recibido 10.250 euros para a mellora dos seus fondos e recursos, e para a organización das devanditas actividades. Neste sentido recordou que a Consellería vai incorporar o vindeiro curso 75 novos centros á rede beneficiada polo Plan de Mellora,  que se enmarca no PLAN LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe). Estes uniranse ao 374 centros que están integrados no programa neste momento. O obxectivo do LÍA, explicou, “é favorecer a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, mellorando a lectura comprensiva, a escritura e as súas habilidades no uso da informática, o que contribuirá ao éxito escolar do alumnado galego".

Melloras no centro

O conselleiro aproveitou esta visita ademais para achegarse á comunidade educativa do centro e coñecer en primeira persoa as súas necesidades particulares. Deste xeito Vázquez Abad reafirmou o compromiso da Consellería con este centro, no que se investiu máis de 118.000 euros en obras de reforma e mellora das súas instalacións e do sistema de calefacción.