A Consellería de Educación prepara un decreto que regulará por primeira vez o absentismo o abandono temperán e a escolarización do alumnado con necesidades específicas
O borrador do decreto polo que se regula a atención á diversidade dos estudantes foi analizado hoxe en mesa sectorial
O novo texto define por primeira vez as situacións de asistencia ás aulas con pouca regularidade, absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización
A Consellería impulsará medidas proactivas para a detección e prevención destes casos, e para fomentar a máxima permanencia do alumnado no sistema educativo
Regúlase ademais a escolarización coas máximas garantías para o alumnado con necesidades de atención específicas
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria promoverá a máxima permanencia e promoción no sistema educativo da diversidade do alumnado galego, co fin de acadar o seu éxito escolar, a través das diferentes medidas contempladas no borrador do decreto polo que se regula a atención á diversidade dos estudantes.
O texto, que foi analizado hoxe en mesa sectorial, define por primeira vez as situacións de escolarización irregular (non continuada), absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización (non matriculación), así como a do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e a dos que estudan en aulas hospitalarias. Ademais, e tamén con carácter novidoso, o texto regula as accións para a escolarización do alumnado en situacións excepcionais como o sometido a medidas de responsabilidade penal, de protección e tutela, ou que está afectado por violencia de xénero, acoso escolar ou pertencente a familias itinerantes. Do mesmo xeito, e en cumprimento da Lei 5/2010, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, a Consellería apoiará a continuación dos estudos das menores embarazadas e dos pais do seu fillo.
O obxectivo do departamento educativo dirixido por Xesús Vázquez é velar pola máxima permanencia dos estudantes galegos no sistema educativo, para o que impulsará medidas proactivas de detección e prevención das devanditas situacións, en colaboración con institucións, organismos especializados e familias. Estas iniciativas terán a súa base nas medidas de formación inicial e permanente do profesorado, incluíndo a atención á diversidade entre as liñas prioritarias dos plans de formación para os docentes.
Prioridade á escolarización ordinaria
Respecto do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o decreto establece as medidas ordinarias e extraordinarias para a súa escolarización, dando prioridade ás primeiras e reservando as segundas para os casos nos que se teñan esgotado as ordinarias, e nos que estea avalado por un informe do servizo de orientación. Defínense tamén tres modalidades de escolarización – en centros ordinarios, en centros de educación especial e a combinada-, dando prioridade á ordinaria. En todo caso, de optar por algunha das outras dúas modalidades, a decisión deberá estar avalada por un ditame de escolarización elaborado polos servizos de orientación, no que se recollerán as conclusións dunha avaliación psicopedagóxica do alumno; as indicacións sobre a proposta curricular axeitada e, de ser o caso, sobre os recursos persoais e materiais necesarios; a proposta de escolarización, e a opinión das familias sobre este último punto.
Nesta mesma liña, as nais, pais e titores legais recibirán información e asesoramento respecto das características e necesidades do alumnado, e das medidas a adoptar para a súa atención nos centros educativos.
Plan Xeral de Atención á Diversidade
Outra das novidades do decreto é o establecemento da estrutura e os procesos de seguimento, e a avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade de cada centro. Neste documento, que será elaborado polos departamentos de orientación, informado polo claustro e aprobado polo consello escolar, concretaranse todas as actuación e medidas de atención á diversidade que un centro educativo deseña e desenvolve para adecuar a resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado.
En consonancia coas prácticas de avaliación e mellora continua da calidade que está a realizar a Consellería de Educación en todos os seus programas, o Plan Xeral será avaliado e sometido a revisión anual para incorporar nel as pertinentes melloras.
Recursos
Pola súa parte a Consellería de Educación dotará aos colexios e institutos do equipamento necesario e materiais educativos específicos para atender as necesidades educativas da diversidade do seu alumnado, así como para garantir a accesibilidade aos centros de ensino.
Da mesma forma estableceranse os criterios prioritarios para a optimización dos recursos humanos na atención a estes estudantes, con profesionais específicos para esta tarefa.
Coordinación e mellora da calidade
Co fin de acadar os mellores resultados, avógase pola colaboración con entidades, asociacións e outras organizacións relacionadas coa atención á diversidade, a coordinación intercentros e a participación das familias. Nesta mesma liña fomentarase a investigación e a innovación neste eido, rexendo todas estas accións polo principio da mellora continua da calidade.
Con este borrador de decreto a Consellería aposta pola plena integración do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo no conxunto do sistema de ensino. Cómpre lembrar que a diversidade é unha realidade social e, polo tanto, unha realidade en cada centro educativo, polo que é necesario contribuír ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado é á súa preparación para convivir e participar de forma autónoma na sociedade dos nosos días.
Declaracións do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira