A FP Dual na comarca de Ferrol medra cun novo convenio en colaboración con Windar Renovables
O ciclo, de grao medio en Soldadura e Caldeiraría, impartirase no CIFP Ferrolterra
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e Orlando Alonso, en representación de Windar Renovables, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha dun novo convenio de FP Dual. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa impulsando esta modalidade de formación profesional na comarca de Ferrol, que e ademais un impulso á empregabilidade e o éxito laboral futuro dos máis novos.
Cómpre lembrar que nesta comarca o CIFP Ferrolterra –que tamén se encargará deste novo proxecto– xa imparte dúas edicións do ciclo de grao superior de Mecatrónica Industrial nesta modalidade en colaboración con Navantia, que son ademais dous dos proxectos de dual con maior demanda en toda Galicia.
O novo proxecto de FP Dual axustarase ao currículo do ciclo de grao medio en Soldadura e Caldeiraría, aínda que Windar dedicará un 10% do tempo de estadía do alumnado na empresa o primeiro ano a formación complementaria e un 5% o segundo ano. O ciclo terá unha duración de tres cursos e arrincará xa no vindeiro 2018/19.
Poderán acceder a este proxecto ata 12 alumnas e alumnos. Windar colaborará na súa selección, podendo realizar entrevistas psicoprofesionais e probas de coñecementos.
Actividade profesionalizadora
Ao longo dos tres cursos, o alumnado combinará a formación curricular no CIFP Ferrolterra coa complementaria que ofreza a compañía e estadías nas que realizarán actividade profesionalizadora nas instalacións de Windar Renovables en Fene. En cada curso, os estudantes pasarán catro meses no CIFP e oito na empresa, de tal forma que, do total das 2.000 horas das que se compón o ciclo, o 60% serán de formación no centro e o 40% restante corresponderase coas que pasen na propia compañía.
Durante as estadías nas instalacións de Fene os estudantes adquirirán coñecemento axeitados para traballar na fabricación de equipos de eólica mariña, un sector no que a empresa é especialista, con fábricas en Europa, América e Asia.
Ao abeiro do convenio asinado hoxe, a empresa comprométese a financiar o proxecto a través dun sistema de bolsas por un importe mínimo de 500 euros/mes durante os meses nos que a actividade formativa e profesionalizadora se realice integramente nela. Así mesmo, os alumnos serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social, e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións por curso
Formación de futuro
O conselleiro quixo agradecer a Windar Renovables a súa aposta pola FP galega e, nomeadamente, a súa confianza no CIFP Ferrolterra. Así mesmo, salientou a importancia das iniciativas de FP Dual en comarcas como a de Ferrol, na que significan un apoio moi significativo á empregabilidade da mocidade.
Neste sentido, Román Rodríguez lembrou que a FP Dual é o modelo de formación de futuro, no que ao alumnado recibe á vez formación teórica e práctica, e na que a empresa se involucra tanto no propio currículo do ciclo como na formación complementaria do estudante. Ademais, valorou moi positivamente o feito de que a empresa colaboradora neste novo proxecto estea especializada nun sector, as enerxías renovables, cunha clara proxección de futuro, o que contribuirá aínda máis a incrementar as opcións dos titulados no mercado laboral.