O Día Mundial do Teatro acolle en Ribadavia a presentación de 'Fendas' e 'Todo sobre Eva'
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación das obras de Ernesto Is e Xandra Táboas, gañadoras ex aecuo do Premio Abrente de Textos Teatrais 2016
Valentín García destacou o galardón como “exemplo de compromiso coa cultura e lingua propias de Galicia”
Os actos de celebración do Día Mundial do Teatro, que contaron coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acolleron a presentación das obras 'Fendas' e 'Todo sobre Eva', coas que Ernesto Is e Xandra Táboas, respectivamente, se fixeron ex aecuo, co Premio Abrente de Textos Teatrais 2016. O galardón, que se convoca cada ano no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia co apoio da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chega en 2018 á súa décimo terceira edición cunha dotación de 3.500 euros e a publicación do traballo gañador na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.
“O Premio Abrente é exemplo de compromiso coa cultura e lingua propias de Galicia”, destacou o secretario xeral. Participaron no acto canda el e canda os autores premiados o rexedor ribadaviense, José Ignacio Gómez; e o director da MIT, Roberto Pascual.
'Fendas' e 'Todo sobre Eva'
O xurado da XI edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, integrado por Marta Pérez, Iria Sobrado, Esther Carrodeguas, María López e Roberto Pascual, acordou en 2016 concederlles, ex aecuo, o galardón aos textos 'Fendas', de Ernesto Is, e 'Todo sobre Eva', de Xandra Táboas.
O primeiro traballo fala sobre memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que acontece no noso presente e pon en evidencia que moitas cuestións pasadas aínda non están resoltas. En palabras do xurado, a peza “ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da vanalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade”.
O segundo é, tamén en palabras do xurado “unha obra con temática urxente, necesaria e que arroxa luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condiciónn de ser muller e a violencia de xénero”. Trátase, ademais, dun texto “poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos”.
Convocado o XIII Premio Abrente de Textos Teatrais
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora na décimo terceira edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocada xa no marco da MIT de Rivadavia, cunha dotación de 3.500 euros e a publicación do texto gañador na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. O prazo de presentación de traballos está aberto ata o 22 de xuño e a resolución da obra gañadora darase a coñecer no marco da 34ª edición do devandito festival, que se celebrará na localidade ourensá do 14 ao 22 de xullo de 2018.