Política Lingüística quere contar coas mancomunidades de municipios para o fomento social do galego desde o ámbito local

A secretaría xeral envioulles información acerca dos obxectivos, do funcionamento e do proceso de adhesión á Rede de Dinamización Lingüística

Dom, 17/04/2011 - 09:55
Logotipo da rede de dinamización lingüística
Logotipo da rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de dirixirse ás máis de trinta mancomunidades de municipios de Galicia para achegarlles información sobre a Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia busca avanzar na coordinación e no impulso das actuacións en materia de dinamización da lingua galega en colaboración coas entidades locais.

A través dunha carta, o responsable da secretaría xeral, Anxo Lorenzo, facilitoulles información detallada acerca da Rede de Dinamización Lingüística e dos seus obxectivos e funcionamento, así como do proceso administrativo de adhesión das entidades locais, entre as que se encontran as mancomunidades de municipios.

O obxectivo desta comunicación é dar a coñecer a Rede de Dinamización Lingüística e animar as mancomunidades a que se impliquen no proceso de extensión social do galego de xeito coordinado e planificado desde o ámbito municipal.

Impulsar a colaboración coas entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende, a través desta iniciativa, impulsar a colaboración coas entidades locais de Galicia na consecución dunha mellora nos servizos que prestan, así como na potenciación do uso do galego por parte destas entidades e na súa relación coa cidadanía.

Desde a súa creación, en virtude da publicación no Diario Oficial de Galicia da Orde do 14 de setembro de 2010, as entidades locais que así o desexen poden solicitar formalmente a súa adhesión á Rede, para comezar a traballar de maneira coordinada, colaborativa e cooperativa co resto de entidades integradas nela.

As mancomunidades: viabilidade técnica e económica

Segundo a Lei 5/1997, de administración local de Galicia, os municipios galegos teñen dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación, en común, de obras, servizos e actividades da súa competencia.

As mancomunidades de municipios responden a unha concepción que persegue tanto a viabilidade técnica como económica dos servizos públicos. Hoxe, a tendencia á colaboración entre entidades locais é crecente. As mancomunidades da comarca de Fisterra, de Bergantiños, de Compostela, de Ferrol, de municipios galegos do Camiño francés ou de concellos da Terra Cha son claros exemplos desta dinámica. Esta colaboración tradúcese nun maior número de beneficiarios, nunha prestación de servizos máis eficiente e na racionalidade administrativa á hora de utilizar os recursos públicos.

Do mesmo xeito que é posible e beneficiosa a cooperación no ámbito local para competencias como a subministración de auga, o servizo de extinción de incendios ou os de seguridade cidadá, a secretaría xeral tamén busca a cooperación no ámbito local para incorporar as mancomunidades no fomento social da lingua galega.

Menús News node R

Departamento