Os ‘Cadernos de Fraseoloxía Galega’ inician nova etapa coa publicación do seu volume 17

Este novo número é o primeiro editado baixo a dirección da profesora María Isabel González Rey, actual responsable do proxecto Fraseoloxía Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García, presidiu no salón de actos do Pazo de San Roque na presentación da revista

Ven, 09/06/2017 - 13:25
Os ‘Cadernos de Fraseoloxía Galega’ inician nova etapa coa publicación do seu volume 17

O secretario xeral de Política Lingüística presidiu esta mañá a presentación do 17 volume dos Cadernos de Fraseoloxía Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) que tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Roque, sede do CRPIH.

Valentín García saudou a etapa que se abre coa nova dirección de María Isabel González Rey, “unha muller extremadamente competente, digna sucesora do iniciador e alma deste proxecto, Xesús Ferro Ruibal”. E é que o número 17 desta revista internacional de fraseoloxía é o primeiro publicado tras o cambio de dirección dos Cadernos e do proxecto Fraseoloxía Galega do Ramón Piñeiro, no marco do cal se editan.

O secretario xeral fixo tamén fincapé na singularidade desta publicación e do proxecto no que se enmarca, que “foi pioneiro en Galicia no estudo da fraseoloxía e espertou o interese de sucesivas promocións de lingüistas cara a un aspecto esencial, pero inicialmente pouco traballado, do estudo da lingua galega”.

A canda Valentín García, participaron na presentación deste novo volume dos Cadernos de Fraseoloxía Galega, Manuel González González, coordinador científico do CRPIH; Mª Isabel González Rey, actual directora dos Cadernos, e Xesús Ferro Ruibal, director da revista dende a súa creación e ata o número 16.

Nova entrega dos Cadernos de Fraseoloxía

O volume 17 dos Cadernos de Fraseoloxía Galega dedícase ao alemán, ao galego, ao francés, ao maorí, ao ruso e ao castelán. Mantén as seccións habituais ata o momento nesta revista de investigación, aínda que variando a súa extensión.

Deste xeito, ábrese coa sección Estudos, que ofrece traballos de Karen Lorena Baquero, Marie-Évelyne Le Poder, Laura López Fernández e Irina Parina sobre fórmulas rutineiras,  paremias xeocosmolóxicas, sinonimia e unidades diversas do ámbito da alimentación.  Recadádivas mostra unha nova escolma de fraseoloxía e paremioloxía galegas cunha recolleita realizada por Xosé María López Ferro no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña). A sección Recensións valora sete obras e Novas visualiza a crecente vitalidade da investigación fraseolóxica no mundo dando conta de libros, artigos, comunicacións, congresos, seminarios e xornadas. Para pechar este número 17, Balance mostra a referencia completa do que 184 investigadores de 24 países deron á luz nos 17 números dos Cadernos nestes seus 15 anos de existencia.

Revista internacional de investigación fraseolóxica

Cadernos de Fraseoloxía Galega é unha revista internacional de investigación fraseolóxica editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os Cadernos estudan a fraseoloxía e a paremioloxía de calquera lingua do mundo e en calquera dos seus enfoques: estrutural, fraseográfico, tradutolóxico, comparativo e didáctico. Difúndese en Europa, América e África; recíbena todas as universidades de España e de Portugal e, pasados seis meses da súa publicación, é de acceso libre no web do CRPIH (www.crip.gal).

Admite orixinais en oito linguas europeas, aínda que a publicación final se fai só en galego, porque esta revista naceu para estimular en Galicia a recolleita e investigación da fraseoloxía galega e universal.

Menús News node R