Román Rodríguez e José Manuel Rey entregan os premios do certame Lingua de namorar

O certame ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relación interpersoais e nas novas tecnoloxías

A quinta edición do concurso contou coa participación de preto de 600 mozos e mozas

Sáb, 13/05/2017 - 12:00
Román Rodríguez e José Manuel Rey entregan os premios do certame Lingua de namorar

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, participaron hoxe na entrega dos premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, organizado pola Secretaría Xeral e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O concurso está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos, co obxectivo de dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relacións interpersoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente na Internet e na mensaxería instantánea, e mais incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Na súa intervención o conselleiro de Cultura e Educación salientou que o obxectivo deste concurso é animar os mozos e mozas a expresarse en galego en todos os ámbitos da vida e, dunha maneira especial, nas redes sociais, que tanta relevancia teñen nas relacións cotiás da mocidade. Neste sentido lembrou que esta foi a primeira iniciativa na que as dúas consellerías se uniron para promover o uso do galego entre a xente nova, unha liña de colaboración que ten agora o seu maior reto na elaboración do primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, co fin de potenciala como lingua de relación entre os máis novos.

Tarefa de todo o Goberno

Román Rodríguez explicou que este plan vai implicar a todo o Goberno nas tarefas de potenciar a oferta asociativa e de lecer en galego, consolidar a oferta de produtos na nosa lingua propia para o público xuvenil ou de ofrecerlle modelos lingüísticos galegófonos á rapazada que é castelanfalante en orixe. Ademais, incidiu na necesidade de que a mocidade acolla estas medidas, xa que “a última palabra no futuro da lingua tédela cada un de vós”.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou a importancia de celebrar concursos como Lingua de namorar para fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas en todos os ámbitos da súa vida. “É unha ledicia saber que os máis novos empregan a nosa lingua non só na esfera académica ou laboral, senón tamén na social, persoal e familiar como así o demostra a participación da xuventude neste certame”, explicou o titular da carteira social.

Rey Varela aludiu tamén á oportunidade que Lingua de namorar dá á mocidade para desenvolver a súa creatividade na faceta máis literaria “a través de non máis de 350 caracteres mediante os cales foron quen de expresar os seus sentimentos, pensamentos e inquedanzas”. O conselleiro rematou a súa intervención felicitando aos premiados e agradecendo o compromiso co galego de todos os participantes nesta edición.

Sete galardoados

Cómpre sinalar que na quinta edición deste certame, na que participaron preto de 600 mozas e mozos, ademais dos seis premios establecidos nas bases, o xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra. Para outorgar os galardóns o xurado valorou o grao de elaboración das mensaxes e a súa orixinalidade e calidade lingüística.

Así, na categoría A, de 14 a 19 anos, de entre as 52 mensaxes que recibiron sete ou máis votacións, resultaron gañadora do primeiro premio Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra), coa mensaxe “Eternidade”; do segundo Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra), pola mensaxe “Escribindo poesía”; e do terceiro Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra), pola mensaxe “Foliada de mel”. Na categoría B, de 20 a 35 anos, Diego Arranz Fernández (Ourense), gañou o primeiro premio coa mensaxe “Ti, produto de risco”; Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña) o segundo pola mensaxe “De Rosalía a Benedetti”; e Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense) pola mensaxe “Contando”.

No referido á mención de honra, concedeuse á mensaxe “En galego”, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña), pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias. As mensaxes gañadoras pódense ler na páxina do concurso http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/10945-lingua-de-namorar-2017-mensaxes-ganhadoras.

Primeiro plan de dinamización

No marco da estratexia da Xunta de Galicia en prol do uso cotiá do galego entre os máis novos, a Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está a traballar na elaboración do que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta de Galicia.

A iniciativa toma como referencia o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, centrándose no seu sector 2, que conta cunha área dedicada á mocidade,  e diríxese a mozas e mozos cunha idade comprendida entre os 14  e os 35 anos. O obxectivo é crear neste colectivo actitudes positivas cara á lingua propia de Galicia e poñer en valor a renovación do compromiso da ampliación dos usos do galego na sociedade. Asemade, búscase fomentar o neofalantismo e apoiar a implicación directa dos colectivos sociais, as asociacións xuvenís, deportivas, culturais etc., os centros educativos, as empresas e, en xeral, de todas as persoas que decidiron libremente utilizar o galego como lingua habitual.

Menús News node R