A Consellería de Educación mantén firme o compromiso de facer fronte á paga extra de antigüidade do ensino concertado

Mér, 23/03/2011 - 18:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asegura que ten o firme compromiso de facer fronte ás pagas de antigüidade do ensino concertado tal e como quedou ratificado en Consello da Xunta.

Cómpre recordar que a actual administración da Xunta comprometeuse con este pago que xa viña sendo demandado polo persoal docente desde o ano 2007, cando o V convenio colectivo do ensino privado concertado recoñece o dito dereito aos traballadores con 25 anos de antigüidade en centros docentes privados sostidos con fondos públicos.

A Consellería de Educación recorda que está a traballar para facer fronte a este pago, pero a actual situación de crise económica dificultou o seu aboamento no mes de decembro. Pese a isto o compromiso da Consellería é firme e está a estudar o modo de facer fronte a esta situación de xeito que os profesores reciban os cartos comprometidos.

Próxima reunión

Co fin de seguir avanzando na procura dunha solución a Consellería convocou a todas as partes implicadas para a comisión tripartita que terá lugar o vindeiro día 30 de marzo. Unha reunión consensuada cos sindicatos e as organizacións patronais da ensinanza concertada, e na que tamén se abordarán outras cuestións de importancia para o sector como son as axudas para alumnado con necesidade educativas especiais, ou as adaptacións dos concertos educativos en vigor.

Outra das reivindicacións dos sindicatos do ensino concertado ten que ver coa rebaixa que desde xaneiro se vén aplicando á nómina dos seus docentes. Neste punto cómpre recordar que a administración educativa galega actuou co cumprimento da normativa básica ditada pola Lei de Orzamentos do Estado, na que cal se contempla unha baixada do 5% no módulo que financia o pagamento destes docentes.

Esta cuestión foi xudicializada pola organizacións sindicais e, aínda que no caso da comunidade autónoma de Galicia non hai pronunciamento, o Tribunal Superior de Xustiza doutras comunidades xa estiman que á administración educativa actuou correctamente ao reducir o módulo, medida que se enmarca na redución salarial de todos os traballadores no ámbito dos servizos das administracións públicas e singularmente do profesorado dos centro públicos.