A Consellería de Educación convoca a segunda edición dos Premios Proxecta

Poderán participar un total de 397 centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta no curso actual

Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilarán entre os 6.000 euros do primeiro premio e os 2.000 dos dous terceiros

Xov, 16/02/2017 - 13:09
A Consellería de Educación convoca a segunda edición dos Premios Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por segunda vez, o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2017 co fin de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

Os interesados en participar terán un prazo dun mes para presentar a súas solicitudes desde hoxe. En todo caso, os detalles e requirimentos da convocatoria, publicada no na web desta consellería, poden consultarse no seguinte enderezo web: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21251

En concreto, este galardón vai destinado aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual; un total de 397 de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), colexios de educación primaria (CEP), centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos.

Deste xeito establécense dúas categorías, en función do tipo de centro. Na categoría A están incluídas as EEI, os CRA, os CEE, os CEIP e os CEP. Pola súa banda, a categoría B engloba aos CPI, os IES, CIFP e centros públicos de educación e promoción de adultos.

Para ambas as dúas categorías establécense catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, aínda que tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que presenten unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio terá unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo será de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 euros cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.

Colaboración coas consellerías

O Plan Proxecta –que este curso chega a 428 centros sostidos con fondos públicos e preto de 91.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 41 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

Nove novos programas

Como novidade neste curso 2016/17, cómpre lembrar que se incorporaron nove novos programas a través de diferentes organismos da Xunta, entre eles tres da Consellería de Educación que son os proxectos de innovación en dinamización lingüística (fomento da innovación naquelas accións que impliquen o uso da lingua galega), o Cined (fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo), e Educación en valores e cidadanía global (para promoción e defensa dos dereitos da infancia e do exercicio da cidadanía global e responsable).

En colaboración coa Consellería de Política Social incorpóranse outros tres proxectos que son Voluntariado miúdo (accións que fornezan a educación en valores solidarios, adaptada ás idades dos alumnos), Aulas I+I (inclusión de persoas con capacidades diferentes nas aulas), e o Conecta Cultura (ferramentas didácticas para a abordaxe positiva da multiculturalidade).

A través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, púxose en marcha +Comunidae (un proxecto que afonda na perspectiva cooperativa e de xénero); desde Economía, Emprego e Industria Moitavista na Escola (promoción condutas seguras e saudables); e desde Sanidade Xente con Don (de prevención de prácticas sexuais de risco e loita contra o estigma ou a discriminación).

Trátase, a través do Plan Proxecta, de buscar un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

Para iso, un dos principais obxectivos deste Plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.