Román Rodríguez visita o CEIP de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, ao que educación destinou este ano preto de 93.000 €
O investimento total en centros educativos neste Concello no que vai de ano acada os 182.000 euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP de Tenorio, na localidade de Cotobade, onde o seu departamento realizou este ano varias obras por importe de preto de 93.000 euros neste ano. Na súa visita ao centro, -cuns 130 alumnos de infantil e primaria-, estivo acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; e do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.
Neste colexio a Consellería de Educación acometeu este ano a reconstrución do muro de peche do centro, cuxo investimento ascendeu a 57.500 euros; así como a reforma da fontanaría dos aseos, cun orzamento de 35.300 euros.
Estas actuacións engádense ás realizadas noutros centros da localidade, como é o caso do CEIP Plurilingüe de Carballedo, onde se levou a cabo unha conexión do saneamento á rede municipal e se acometeu a mellora do patio cuberto. Así mesmo está prevista outra actuación de mellora do saneamento que se executará nas datas de Nadal coincidindo co período non lectivo no centro. Outra das obras acometidas neste exercicio foi a renovación de canlóns e da carpintería metálica no CEIP San Xoán Bautista.
Por tanto, grazas ao Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, dos recursos obtidos a través do Fondo do Superávit de Responsabilidade, e do plan anual RAM (Reforma, Ampliación e Mellora), os investimentos en centros educativos en Cerdedo-Cotobade ascenderon a preto de 182.000 euros este ano.
Estas actuacións enmárcanse dentro da liña da Consellería de acondicionar e renovar os centros públicos de toda Galicia de xeito que o alumnado conte cunhas instalacións axeitadas para o correcto desenvolvemento da actividade educativa.
Precisamente con cargo a estas actuacións, Educación programou un total de 163 obras de mellora de instalacións e eficiencia enerxética en centros da provincia de Pontevedra, cun orzamento de 22,5 millóns de euros.