Educación avanza na elaboración do mapa de empregabilidade universitaria

Segundo o secretario xeral de Universidades, o documento servirá de orientación aos estudantes no momento de elixir unha titulación superior

Xov, 01/12/2016 - 19:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto elaborar o vindeiro ano 2017 un mapa de empregabilidade universitaria de Galicia, que ofrecerá unha radiografía sobre as titulacións existentes e o grao de eficacia que cada centro universitario ten en materia de saídas laborais.

Así o explicou esta tarde o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na Comisión 4ª do Parlamento, na que sinalou que este documento vai servir de orientación aos estudantes no momento de elixir unha titulación superior. Segundo subliñou Díez de Castro, este mapa proporcionará información fiable e actualizada ao futuro alumnado e ás familias antes de tomar unha decisión fundamental de futuro como é a elección dunha carreira universitaria; así como ás propias  universidades e os centros universitarios para que orienten os cambios docentes e de contidos que sexan precisos para responder ás demandas da sociedade galega.

A elaboración do mapa responde, por tanto, á demanda da sociedade de dispoñer dunha información rigorosa clave no que atinxe á inserción dos titulados universitarios. Se ben é certo que tanto universidades como outros organismos publican de xeito esporádico análises parciais da situación laboral dos egresados, a variedade do contido e das metodoloxías empregadas fan que os resultados non sexan comparables entre si. De aí -apuntou o responsable de Universidades- a necesidade de impulsar desde a Administración un mapa exhaustivo, que incorpore toda a información autonómica e nacional existente, para que resulte eficaz como ferramenta para os estudantes, as súas familias, e ás propias universidades

Nesta liña, o mapa de empregabilidade universitaria incorporará información sobre unha serie de aspectos como as características do proceso de procura de emprego (tempo en atopar emprego, grao de uso das distintas vías de procura de emprego e eficiencia destas, vía propiciatoria do primeiro emprego, rexeitamento de ofertas de traballo, número de contratos e empresas); a situación do mercado de traballo dos titulados no SUG e as súas condicións laborais (capacidade do mercado para absorber aos titulados universitarios, importancia dos distintos factores para obter un emprego, condicións laborais do traballo actual,…); a percepción dos titulados sobre a formación e a universidade (sobre prácticas en empresas, plan de estudos, itinerario académico,…); e a situación laboral dos universitarios (taxa de afiliación á seguridade social, porcentaxe de autónomos, de asalariados a tempo completo,…).