Un total de 150 docentes reciben formación específica para atender a alumnado con enfermidade crónica
Profesionais do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 explican as nocións básicas de asistencia sanitaria ao profesorado na I Xornada de atención e apoio ao alumnado con enfermidade crónica
Este encontro xorde a raíz da elaboración do Protocolo de Atención Educativa en urxencias sanitarias, co que se busca non só formar ao profesorado nesta materia, senón tamén favorecer a inclusión e a convivencia escolar nos centros
Un total de 150 docentes de máis de un centenar de centros educativos de infantil, primaria e secundaria están recibindo formación específica para atender aos estudantes con enfermidade crónica, con motivo da I Xornada de atención e apoio ao alumnado con este tipo de doenzas. Neste sentido, e ao longo do día de hoxe na EGAP, diversos profesionais do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 explicaranlles aos profesores participantes os coñecementos básicos para facilitar a primeira asistencia sanitaria en caso de emerxencia nos centros educativos, así como o protocolo de actuación ante alumnado con enfermidade crónica.
En concreto, os diferentes relatorios versaron sobre a responsabilidade comunitaria compartida na atención pediátrica integral, a abordaxe de situacións ordinarias e extraordinarias do alumnado con diabete, crises convulsivas ou alerxias graves, a xestión das chamadas aos servizos de emerxencia ou a utilización dos elementos que conforman a caixa de urxencias básica escolar, ademais do apoio psicolóxico en situacións de extremo dramatismo ou catástrofe.
Un Protocolo para guiar a actuación
A organización desta Xornada xorde a raíz da elaboración e posta a disposición da comunidade educativa do Protocolo de atención educativa en urxencias sanitarias e enfermidade crónica, publicado o ano pasado e difundido co gallo do Día Internacional da Diabete, dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar (educonvives.gal). Trátase dun documento de traballo co que, ademais de servir de guía para o profesorado nesta materia, tamén favorece a inclusión e normalidade do alumnado con estas doenzas.
Neste sentido, e tal e como destacou o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, “a formación en materia de apoio á saúde é unha responsabilidade compartida por toda a comunidade, tamén a educativa”, ao que engadiu que “non se trata dunha cuestión de atención á diversidade, senón tamén unha cuestión clara de convivencia escolar”.
Caixa de urxencias básica
Ademais de aprender os métodos e nocións básicas de atención sanitaria nas casuísticas máis frecuentes, todos os centros participantes nesta xornada recibiron unha caixa de urxencias básica para facilitar a atención nas incidencias menores que cada día se producen en calquera centro educativo.
Formación en cascada en primeiros auxilios
Cómpre destacar que esta acción se enmarca na estreita colaboración que a Consellería de Cultura e Educación mantén co departamento de Sanidade en materia de promoción da saúde e formación da comunidade educativa galega. Ademais de participar na redacción do Protocolo e as súas addendas, ambos departamentos asinaron un convenio de colaboración para a formación en primeiros auxilios, soporte vital básico e desfibrilación semiautomática do profesorado galego, dentro dun programa coñecido como ‘RCP na aula’, mediante o que se formará en cascada á comunidade educativa.
Así, ao longo deste primeiro trimestre todos os centros de formación e recursos da Rede de Formación van acoller cursos de atención en urxencias sanitarias da man de profesionais da Fundación 061, de carácter eminentemente práctico. E unha vez os docentes estean acreditados, establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así a transmisión de coñecementos en cascada.