A lingua galega participa na Expolingua de París, unha feira internacional onde se dan cita 50 idiomas de todo o mundo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística busca aproveitar este escenario para impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional do galego

Xov, 03/02/2011 - 19:23
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa estes días na Expolingua de
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa estes días na Expolingua de París

A lingua galega quere contribuír á promoción da diversidade lingüística e cultural coa súa presenza na Expolingua de París 2011. A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa estes días nesta feira internacional na que se dan cita un total de 50 idiomas e 200 expositores de múltiples países do mundo. Trátase da vixésimo novena edición do evento, que este ano ten como convidada de honra a lingua árabe.

A secretaría xeral busca aproveitar esta cita co fin de impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas, así como de favorecer o intercambio de ideas con institucións lingüísticas de todo o mundo. Para iso, conta cun expositor no que os visitantes dispoñen de múltiple información sobre a lingua galega, desde as posibilidades de aprendizaxe do idioma en diferentes países de Europa e de América, ata os materiais e recursos lingüísticos accesibles desde a rede, as últimas publicacións de investigación sobre o idioma realizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ou información detallada sobre a historia e a situación actual do idioma. 

Aulas de iniciación para coñecer máis de preto a lingua galega

Para achegarlles o galego aos visitantes á Expolingua dun xeito máis próximo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén imparte aulas de iniciación á lingua galega para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis de preto o idioma.

Promover a diversidade lingüística

As expolinguas son espazos de encontro de diversas institucións lingüísticas de todo o mundo e entidades de formación en idiomas que buscan favorecer o intercambio e a promoción da diversidade de linguas.

Nestas feiras internacionais participan cada ano miles de persoas –estudantes, profesores, tradutores, intérpretes e tamén cidadanía en xeral–, para as que se desenvolve un amplo programa con presentacións, talleres, conferencias e outras actividades acerca das posibilidades de estudar idiomas no estranxeiro, as oportunidades laborais neste ámbito, a oferta de exames de idiomas e os programas internacionais de educación, entre outros.

Menús News node R