A Consellería de Cultura e Educación convoca os premios de fin de carreira

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina 222.500 euros a estes galardóns, que recoñecen a excelencia do alumnado que rematou os seus estudos no curso académico 2014/2015

Ven, 22/07/2016 - 12:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a convocatoria dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2014/2015 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O departamento educativo da Xunta de Galicia destina a esta convocatoria un orzamento de 222.500 euros; mentres que cada un dos galardoados acadará un premio de 2.500 euros.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cursara de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requerimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160722/AnuncioG0164-060716-0002_gl.html .

Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Así, ademais do premio económico, os galardoados recibirán un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.