Educación autoriza a impartición de nove títulos universitarios novos para o vindeiro curso 16/17
Catro máster e un programa de doutoramento correspóndese coa Universidade da Coruña, outros tres máster na Universidade de Santiago e un grao para a Universidade de Vigo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria autoriza a impartición de nove títulos universitarios novos para o curso 2016-2017 nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).
Tal como publica hoxe o DOG ( enlace web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160713/AnuncioG0164-040716-0004_gl.html), impartiranse catro novos máster e un programa de doutoramento na Universidade da Coruña (UDC), outros tres máster na Universidade de Santiago de Compostela (UDC) e un grao na Universidade de Vigo (UVigo).
Na Coruña as novas titulacións aprobadas para o próximo curso son os máster universitarios en Bioinformática para Ciencias da Saúde, en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético, en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos, e en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria. Así mesmo, tamén na UDC, se impartirá o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e do Comportamento.
Na Universidade de Santiago impartiranse por primeira vez no curso que comeza en setembro o máster Erasmus Mundus en Lexicografía, unha ensinanza que se oferta de forma conxunta con universidades de Alemaña, Hungría, República Sudafricana, Portugal, Italia, Francia e Polonia. Tamén na USC se oferta o máster en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento, e o máster universitario en Filosofía, Coñecemento e Cidadanía. Así mesmo, modifícase a denominación do título de Grao en Lingua e Literatura Modernas, que pasa a chamarse Grao en Linguas e Literaturas Modernas.
Pola súa banda, na Universidade de Vigo impartirase o novo grao en Enxeñaría Aeroespacial.
Todas estas novas ensinanzas universitarias contan coa devandita verificación do Consejo de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.