A Consellería de Cultura e Educación felicita ás fundacións María José Jove e INGADA polo seu labor a prol do tratamento do alumnado con TDAH
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, salientou a importancia de formar ao profesorado co fin de atender dun xeito máis adecuado as necesidades específicas dos nenos e nenas con dificultades
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia e agradece o labor que están a desenvolver as fundacións María José Jove e INGADA (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados) para ofrecer unha mellor atención educativa ao alumnado con TDAH. Así o salientou esta mañá o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, durante o acto de presentación pública dos resultados da II edición do programa formativo en Galicia para tratar ao alumnado con estas necesidades específicas, no que tamén estiveron presentes Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove; e Ángel Carracedo, presidente da Fundación INGADA.
O director xeral de Educación expresou o seu agradecemento ás dúas entidades por implicarse de cheo na formación do profesorado neste ámbito, parabéns que estendeu aos docentes participantes neste programa co fin de adquirir os coñecementos precisos para poder facilitar o desenvolvemento do alumnado con TDAH e a súa integración nas aulas.
Dirixido a profesores dos centros de educación Primaria, ESO e Bacharelato de tda Galicia, nesta segunda edición con xornadas de catro días en todas as provincias, participaron 191 docentes e 179 centros educativos. O obxectivo desta iniciativa -que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación- é aportar aos docentes o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando que cada alumno e alumna desenvolva ao máximo as súas capacidades no marco dunha escola inclusiva e integradora.
O curso foi impartido por neuropsicólogos, neuropediatras, logopedas, médicos e pedagogos e constou de 25 horas de formación teórica e práctica.