A xunta de Galicia consigue que o alumnado do rural participe na convocatoria de bolsas estatais en igualdade de oportunidades
Na Conferencia Sectorial de Educación confirmouse o cambio na redacción do decreto de bolsas
Galicia tamén recibirá máis de 3 millóns de euros de Programas de Cooperación Territorial e outros 20 millóns para favorecer a implantación da LOMCE
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, confirmou hoxe que o ministro do ramo atendeu a súa solicitude de cambiar a redacción do decreto de bolsas no referido ao cómputo das construcións agropecuarias nos tramos de renda. Deste xeito, a Xunta de Galicia consigue que o alumnado do rural participe na convocatoria de bolsas estatais en igualdade de oportunidades, segundo trasladou o conselleiro tras participar na Conferencia Sectorial celebrada na sede do Ministerio.
Ademais, e tal e como se aprobou na dita Conferencia, Galicia recibirá máis de 20 millóns de euros para continuar coa implantación da LOMCE na Comunidade e outros máis de 3 millóns dos Programas de Cooperación Territorial, co obxectivo de seguir avanzando na calidade e excelencia do sistema educativo galego.
Cómpre lembrar que, ao abeiro do procedemento de regularización catastral, estase a actualizar o censo de naves, granxas…etc, que se están incluíndo como valores catastrais do patrimonio familiar, coa consecuencia de que se incrementan os límites patrimoniais admitidos para poder acadar bolsas do Ministerio. Como consecuencia desta situación orixinábase unha sobrevaloración dos valores patrimoniais das familias rurais, o que podería desembocar nun proceso no que os mozos do rural puideran ver cercenada a súa posibilidade real de acceder ás axudas ministeriais.
Ata o momento, o decreto de bolsas establecía para os tramos de renda por patrimonio familiar –excluída sempre a vivenda habitual– dous apartados: por unha banda o das construcións en fincas urbanas, ás que se lle aplican coeficientes redutores e, por outra, o das fincas rústicas, que incluían tanto construcións de resgardo de apeiros, animais, etc, como vivendas que non foran a habitual e fincas, chan en si mesmo.
Nova redacción do decreto
A nova redacción do decreto de bolsas establece que “a suma dos valores catastrais das construcións situadas en fincas rústicas, excluídos o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, non poderá superar os 42.900 euros, sendo aplicables a ditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano no que se efectuara a última revisión catastral”. É dicir que, a diferenza da redacción anterior, establécese un apartado específico para as construcións –que non sexan vivenda habitual– situadas en fincas rústicas e, tamén a diferenza do anterior texto e como ás construcións en fincas urbanas, aplícaselles un coeficiente redutor que evita que se eleve o seu valor catastral.
En calquera caso, ademais de aplicarlles este coeficiente redutor, as familias con construcións agropecuarias –galpóns, etc– terán para elas, así como as demais construcións en fincas rústicas que non sexan vivenda habitual, un tramo máximo de 42.900 euros. Pola contra, coa redacción anterior do decreto, o tramo máximo tanto para estas construcións como para as fincas rústicas –chan rústico– era de 13.130 euros, tendo en conta ademais que non se lle aplicaban criterios redutores.
En definitiva, no texto presentado hoxe na Conferencia Sectorial sepárase o apartado das construcións en fincas rústicas –nas que se inclúen as de uso agropecuario–, cun tramo máximo de 42.900 euros e con coeficientes redutores; do dedicado só ao chan rústico, neste caso sen as devanditas reducións, e que establece que “a suma dos valores catastrais das fincas rústicas excluídos os valores catastrais das construcións que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130 euros por cada membro computable”.
Polo tanto, a nova redacción do decreto de bolsas incrementa considerablemente os tramos de renda para o patrimonio en fincas rústicas, ao separar as construcións do chan rural en dous apartados diferentes con cadanseu tramo máximo; ademais de aplicarlle coeficientes redutores ás construcións de uso agropecuario.
Cómpre lembrar que o conselleiro de Cultura de Educación e a conselleira de Medio Rural acordaran facer esta solicitude ao Goberno central co fin de que os estudantes de familias gandeiras non se viran prexudicados ao solicitar axudas de apoio ao estudo. O propio Román Rodríguez reiteroulle ao ministro Íñigo Méndez de Vigo esta solicitude nunha reunión mantida o pasado 1 de abril, obtendo o compromiso do titular do Ministerio para estudar esta cuestión, que finalmente agora se soluciona.
A importancia do sector
Desde o primeiro momento no que se iniciaron as xestións, a Xunta fixo fincapé na importancia do sector gandeiro e agrícola na economía e na sociedade galega. Así mesmo, insistiu na importancia de que os rapaces destas familias accedan en igualdade de oportunidades aos estudos superiores, tendo en conta ademais o gasto engadido que supón desprazarse desde o rural ata as poboacións nas que se atopan os campus universitarios.
Cabe sinalar, ademais, que nestes casos a formación superior pode redundar na modernización das explotacións gandeiras e agrícolas e, como tal, na maior competitividade e futuro do sector. Neste sentido, a Consellería está a impulsar o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co fin de que Lugo se converta nun referente na investigación en materia de Agricultura e Veterinaria.
Programas de cooperación territorial
Así mesmo, na Conferencia Sectorial tamén se tratou a distribución de créditos para o financiamento dos novos programas de cooperación territorial. Cómpre lembrar que no proceso de negociación dos criterios de reparto, Galicia conseguiu un maior peso na valoración do factor de dispersión xeográfica da poboación.
Neste sentido, Galicia recibirá máis de 3 millóns de euros dos plans relativos ao fomento da Formación Profesional, á aprendizaxe de linguas estranxeiras, á atención de necesidades específicas de apoio educativo, á convivencia escolar, programas para fomentar hábitos de vida activa e saudable e para a adquisición de libros de texto e material didáctico.
Máis de 20 millóns para implantar a LOMCE
Finalmente, o conselleiro tamén valorou positivamente a contía que recibe Galicia do Ministerio para continuar implantando a LOMCE na Comunidade. En concreto, son 20,4 millóns de euros para este ano, orientados a financiar a implantación dos novos itinerarios de 3º e 4º de ESO e a FP Básica.