A Consellería de Cultura e Educación dá a coñecer os proxectos máis innovadores na promoción da lingua galega

Trátase das propostas do CEIP San Xoán de Becerreá e dos IES A Cachada de Boiro, Félix Muriel de Rianxo, Maximino Romero de Lema de Baio conxuntamente co Marco do Camballón de Vila de Cruces e Carlos Casares de Vigo, que foron seleccionados tras concorreren á convocatoria de innovación en dinamización lingüística da Consellería de Cultura e Educación

Os centros recibirán 2000 euros para materializaren a súa proposta de intervención educativa, apoio e asesoramento durante o seu desenvolvemento e a difusión do seu traballo e dos materiais producidos no Portal da Lingua Galega

Dom, 08/05/2016 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública, a través do Portal Educativo www.edu.xunta.es e do Portal da Lingua Galega www.lingua.gal, a resolución da convocatoria pola que se aproban as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería. O obxectivo da convocatoria é recoñecer, apoiar e difundir a innovación educativa en materia de promoción da lingua galega para estendela e facela máis eficaz.

Con este obxectivo, seleccionáronse cinco proxectos presentados por seis centros educativos. Trátase de “Star Gal”, do IES A Cachada de Boiro; “Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico”, do IES Félix Muriel de Rianxo; “Proxecto regueifista”, dos IES Maximino Romero de Lema de Baio, en Zas, e Marco do Camballón, de Vila de Cruces; “Galaxia Casares. Leriando no Casares”, do IES Carlos Casares de Vigo, e “Galegocinémate”, do CEIP San Xoán de Becerreá.

A Consellería de Cultura e Educación facilitará a posta en marcha destes cinco proxectos outorgándolle a cada un 2.000 euros, así como apoio e asesoramento aos centros educativos que os levarán adiante durante a fase de desenvolvemento. Neste marco, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería comprométese tamén a difundir os traballos e materiais producidos no marco de cada proposta no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Cinco proxectos de dinamización lingüística

A convocatoria de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitiu a participación de cada centro educativo de xeito individual ou ben de ata tres centros agrupados que presentasen un único proxecto común. As propostas de intervención debían redundar no uso do galego oral, no achegamento a esta lingua do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias, na colaboración con entidades externas ao centro educativo para promover o idioma propio de Galicia ou na relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación.

A dita convocatoria, que selecciona para a súa implementación cinco dos proxectos presentados, insírese nas liñas de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para recoñecer, apoiar e facer viable o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, a través dos cales se promove nos centros educativos o idioma propio de Galicia. Aos mesmos obxectivos obedecen as axudas ao conxunto de proxectos de fomento do uso do galego.

Menús News node R