O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento de máis de 1,7 millóns de euros para a ampliación do CITEEC da Universidade da Coruña
Román Rodríguez explicou na súa visita a este centro de investigación que esta achega complementa aos 900.000 euros que se destinaron o pasado ano desde o seu departamento a este centro de investigación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o centro de investigación CITEEC, dependente da Universidade da Coruña (UDC). No marco do seu percorrido por este espazo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou un investimento de máis de 1,7 millóns de euros este ano para o remate das obras de acondicionamento do CITEEC e para a súa ampliación, co fin de que este espazo acade os seus maiores niveis de desenvolvemento.
Segundo explicou o conselleiro este novo esforzo inversor súmase aos 900.000 euros que se destinaron o pasado ano desde o seu departamento a este centro de investigación. Durante a súa visita a estes espazos o conselleiro estivo acompañado polo reitor da UDC, Julio Abalde, entre outras autoridades.
Innovación en construción
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil(CITEEC), creouse no ano 2000 co obxectivo de mellorar a investigación e o estudo no eido da construción, na súa vertente de edificación e de enxeñaría civil. Na actualidade o centro divide a súa actividade en 5 áreas, nomeadamente as de Construción, Hidráulica, Portos e Costas, Enxeñería Sanitaria e Estudo Aeroelástico de Pontes.
A achega de máis de 1,7 millóns ao CITEEC destinarase fundamentalmente a 3 actuacións: a mellora da cuberta do centro, acondicionamento de laboratorios e colocación dunha plataforma hidráulica que permita optimizar o acceso aos laboratorios de Construción, Portos e Costas, Mecánica de Rochas, e Ferrocarrís e Transportes.