A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa '2ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza' que comeza hoxe en Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística lembra que “a colaboración enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”

Os actos desenvolveranse en Braga, Santiago e Padrón ata o vindeiro día 27 e contarán coa participación de Valentín García

Sáb, 20/02/2016 - 10:30
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa  '2ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza' que comeza hoxe en Santiago
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa '2ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza' que comeza hoxe en Santiago

A '2ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza' bota a andar hoxe sábado co obxectivo de tender pontes entre as dúas beiras do Miño arredor da figura de Rosalía de Castro co gallo dos 179 anos do seu nacemento, que se cumpren o vindeiro mércores.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na nova edición deste evento, unha colaboración que se enmarca nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa.

Primeiras xornadas da 2ª edición

Santiago de Compostela é o escenario do primeiro dos actos programados para esta semana cultural. Hoxe ás 13:00 horas, colocarase un ramo de flores na praza José Afonso, onde o cantautor que lle dá nome interpretou, en 1972 e por primeira vez, o 'Grândola, Vila Morena'. Pola tarde, a homenaxe a Afonso continúa en Padrón, na sede da Fundación Rosalía de Castro, cun concerto ás 19:00 horas.

Desde o martes, as actividades desta 2ª semana cultural trasládanse á cidade portuguesa de Braga. Ese día terá lugar o coloquio 'Minho/Galiza, 2000 anos de maos dadas'.

O mércores, xornada da celebración do nacemento da autora de “Follas Novas”, a organización ten preparada unha gran homenaxe na súa honra na mesma cidade, na que participarán Uxía e o grupo musical portugués 'Galandum Galundaina'.

Participación da Consellería

O xoves é o día no que a Secretaría Xeral de Política Lingüística confirmará, coa súa presenza en Braga, a importancia da consolidación dos “intercambios culturais entre as dúas beiras do Miño”, tal e como indicou o seu secretario xeral, quen lembra que “a colaboración enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”, coñecida popularmente como Lei Valentín Paz-Andrade.

Valentín García destacou, ademais, o “impulso do Centro de Estudos Galegos”, nacido en 1997 ao abeiro dun protocolo asinado entre a Universidade do Minho e maila Xunta de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística participará o xoves no descubrimento dunha placa alusiva á converxencia Portugal – Galicia na rúa Rosalía de Castro de Braga, e ás 21:30 horas -hora local- intervirá nun acto multidisciplinar con coloquio, debate, tertulia e música.

O programa completo está dispoñible en http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/axenda?content=/Portal-Lingua/Axenda/evento_0016.html

Proxección do galego desde o ámbito lusófono

Logo da entrada en vigor, en marzo de 2014, da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía -a coñecida como Lei Paz-Andrade-, que ten como obxectivo aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, a Xunta de Galicia contempla na súa axenda de traballo accións estratéxicas de promoción das relacións cos países de fala portuguesa.

Estas accións reforzan outras postas en marcha previamente pola Administración autonómica para impulsar a proxección internacional do galego desde o ámbito lusófono, como as que posibilitan o achegamento á lingua e á cultura galegas desde os sete centros de estudos galegos cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia en Portugal e no Brasil.

Menús News node R