Cultura e Educación investiu en 2015 máis de 200.000 euros en equipamento de FP no IES Audiovisual de Vigo, que estrea novo ciclo este curso
O conselleiro Román Rodríguez visitou hoxe o instituto, no que se puxo en marcha este ano o ciclo de grao superior de Iluminación, captación e tratamento de imaxe
Trátase do único centro público da provincia de Pontevedra que imparte a meirande parte dos ciclos incluídos dentro da familia profesional de Imaxe e Son
Só no concello de Vigo, a Consellería destinou case 900.000 euros para renovar o equipamento en 7 centros con ensinanzas de Formación Profesional
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Audiovisual de Vigo, no que ao longo do ano pasado se investiron máis de 200.000 euros co obxectivo de mellorar a dotación de equipamento en FP. Este orzamento foi distribuído en tres dos cinco ciclos que conforman a oferta educativa desta ensinanza no centro: no ciclo de grao medio de Vídeo disc-jockey e son e nos de grao superior de Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos, así como o de Iluminación, captación e tratamento de imaxe.
Precisamente, este último implantouse por primeira vez no instituto este curso, cubrindo todas as prazas ofertadas. O titular do departamento educativo da Xunta comprobou de primeira man o traballo que están realizando as alumnas e alumnos do ciclo, que lle fixeron unha demostración no estudio de televisión, simulando a gravación dun informativo.
Román Rodríguez definiu o instituto como un centro de referencia para toda a provincia, posto que é o único centro público de Pontevedra que imparte a meirande parte dos ciclos incluídos dentro da familia profesional de Imaxe e Son. Ademais, trátase dun dos poucos de toda Galicia no que se oferta o ciclo de Vídeo disc-jockey e son.
Aposta decidida pola FP
Deste xeito, cómpre lembrar a aposta decidida do Goberno galego pola Formación Profesional, cuxos índices de oferta de ciclos e matriculación medraron de xeito significativo estes últimos anos. Fronte aos pouco máis de 34.000 matriculados no 2008-2009 nas diferentes ensinanzas de FP, neste curso xa se superan os 51.000 alumnos e alumnas.
E en canto á oferta, a Xunta de Galicia apostou por crear novos ciclos apegados á realidade social actual, co obxecto de facelos máis atractivos para os mozos e mozas co fin de favorecer a súa empregabilidade futura e, ao mesmo tempo, loitar contra o abandono escolar temperán.
Investimento para equipos
Ademais, este compromiso coa FP exemplifícase no forte investimento realizado pola Consellería durante os últimos anos para dotar de equipamento específico e informático aos diferentes ciclos. Neste sentido, no plan de 2015 enmárcase os máis de 200.000 euros destinados ao IES Audiovisual de Vigo, 70.000 máis con respecto á achega do ano 2014.
En total, e só contabilizando o investimento realizado nos centros con FP do concello de Vigo, o departamento de Educación da Xunta destinou case 900.000 euros para renovar o equipamento existente ou dotalos de novos materiais durante o ano pasado.