Cultura e Educación compromete melloras inmediatas no CEIP de Rubiáns, A Lomba e Vilaxoán de Vilagarcía para garantir o benestar do alumnado
Román Rodríguez visitou as obras de ampliación do IES Armando Cotarelo Valledor, onde anunciou que o seu departamento asinará un convenio de colaboración co Concello para reformar o ximnasio de Rubiáns
O conselleiro tamén avanzou un cambio de cuberta en A Lomba, que deberá asumir a empresa construtora ao tratarse dun problema de impermeabilización
A Consellería leva investidos máis de dous millóns de euros en infraestruturas educativas neste Concello desde o ano 2009
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometerá varias reformas de xeito inmediato en tres centros de Vilagarcía de Arousa (o CEIP de Rubiáns, o CEIP A Lomba e o CEIP de Vilaxoán) co fin de mellorar o día a día nas clases, garantindo o benestar do alumnado e de toda a comunidade escolar dos diferentes centros. Así o anunciou o conselleiro Román Rodríguez con motivo dunha visita esta mañá ao IES Armando Cotarelo Valledor, onde o seu departamento vén de rematar unha obra de ampliación para dotar de máis espazo aos ciclos de Formación Profesional.
En concreto, os traballos, aos que se destinaron 485.799 euros, consistiron na construción dun novo módulo que alberga 4 aulas-taller na planta baixa. No primeiro piso sitúase un novo salón de actos e zonas destinadas a despachos de dirección e secretaría. Deste xeito, os espazos do edificio xa existente quedan agora reformulados, posto que o antigo salón de actos transfórmase en dúas novas aulas, mentres que a vivenda do conserxe pasa a ser un viveiro de empresas composto por dous despachos, aseo e aula polivalente.
Compromiso coa FP Básica
Cunha superficie nova de 864,55 metros cadrados, esta obra supón un novo impulso ao compromiso adquiro pola Xunta con respecto á Formación Profesional, en especial ás novas modalidades desenvoltas ao abeiro da Lomce, como a FP Básica –que loita contra o abandono escolar temperán– e a FP Dual, que potencia a empregabilidade dos máis novos en escenarios de traballo reais.
CEIP de Rubiáns
Por outro lado, o conselleiro tamén visitou o CEIP de Rubiáns para avanzarlle á dirección do centro o compromiso do seu departamento coa reforma integral do ximnasio. Para acometer estes traballos co fin de que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas actividades físicas con todas as garantías, a Consellería solicitou a cooperación do Concello, que quedará plasmada nun próximo convenio de colaboración.
Ao abeiro deste convenio, no que quedarán fixados os prazos de execución, o departamento educativo da Xunta de Galicia asumirá o 50% do custe da obra, mentres que o outro 50% o sufragará o Concello. En total, o investimento estimado deste novo ximnasio ascenderá a 235.000 euros. En canto á posibilidade de dotar ao novo espazo de vestiarios, no informe da Unidade Técnica lémbraselle ao Concello que sería importante coñecer as redes de saneamento en uso.
CEIP A Lomba
Ademais, o titular do departamento autonómico de Educación anunciou un cambio de cuberta no CEIP A Lomba –rematado no 2008–, que deberá asumir a empresa construtora ao tratarse dun problema de impermeabilización da mesma, constatado no propio informe da Unidade Técnica. Por tanto, avanzou que, de xeito inmediato, a Consellería esixiralle á empresa unha reforma que garanta o conforto da comunidade escolar.
CEIP de Vilaxoán
Así mesmo, a Consellería tamén se compromete a reformar os falsos teitos e fiestras da aula de infantil do CEIP de Vilaxoán, aos que destinará un investimento de arredor de 30.000 euros. Estes traballos –xunto cos de Rubiáns e A Lomba– deberán levarse a cabo durante o período estival co obxecto de non interferir coas clases e asumiranse con cargo ao RAM deste ano (fondo de reforma, ampliación e mellora).
Cómpre salientar que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos máis de dous millóns de euros en obras educativas en Vilagarcía de Arousa desde o ano 2009.