O secretario xeral de Política Lingüística asiste en Bruxelas á conferencia de alto nivel sobre linguas minoritarias europeas
Valentín García acudiu a esta cita organizada pola Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística
A Folla de Ruta para a Diversidade Lingüística en Europa pretende manter o compromiso da Unión Europea coa diversidade lingüística no vello continente
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este mércores en Bruxelas á Conferencia sobre Multilingüismo, Migración e Economía que organiza a Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD). A Secretaría Xeral de Política Lingüística forma parte da NPLD, como membro de pleno dereito, desde o momento da súa fundación. Por esta razón, asiste a todas as xuntanzas do comité executivo e mais da asemblea xeral, os dous órganos de goberno nos que se discuten e se elaboran os proxectos e programas, e se toman as decisións rectoras da organización.
Dous dos temas que se abordaron nesta importante cita científica en materia de linguas son o papel do Parlamento Europeo na promoción das linguas de Europa e o xeito en como as linguas minoritarias contribúen ao desenvolvemento económico dos países. Na conferencia tamén participou o comisario europeo de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte, Tibor Navracsics.
Este xoves, a NPLD ha celebrar a derradeira xuntanza de 2015 do seu comité executivo, na que se tratarán asuntos relativos ás finanzas e sobre as directrices estratéxicas e plans de futuro da organización.
Folla de Ruta para a Diversidade Lingüística
O obxectivo da Folla de Ruta para a Diversidade Lingüística en Europa é reafirmar o compromiso da UE pola diversidade lingüística e mais asegurar que as linguas faladas no continente (de ámbito internacional, nacional, rexional ou autonómico, minoritarias, ameazadas de desaparición ou linguas da inmigración) sexan consideradas valores comúns que precisan apoio e promoción.
A Folla de Ruta enmárcase no contexto actual da UE, que fixou como prioridade política a necesidade de asentar unha economía sólida e unha forza laboral altamente cualificada. Precísanse iniciativas e políticas ben planificadas para fotalecer as linguas e vinculalas á creación de economías prósperas, á cohesión social e á consecución dun destino común en Europa.
A Folla de Ruta para a Diversidade Lingüística en Europa componse, principalmente, de catro liñas de traballo: a adopción dunha política inclusiva do multilingüísmo na que todas as linguas faladas en Europa ocupen o seu lugar correspondente; as linguas deben desempeñar unha función primordial para a cohesión social e para o desenvolvemento persoal, económico e a mobilidade profesional; o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en beneficio da aprendizaxe de linguas, e na promoción e a vitalidade de todas elas; e o apoio ás linguas rexionais, minoritarias ou en risco de desaparición: as linguas máis vulnerables de Europa.
De aplicárense, estas catro liñas de traballo poden garantir que o discurso positivo que sempre mantivo a UE sobre a diversidade lingüística se materialice en medidas concretas e tanxibles.
Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística
Dentro do marco territorial e xurídico da Unión Europea, creouse, no ano 2008, a Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), un proxecto no que están integradas institucións académicas, organismos de variada natureza e gobernos rexionais e nacionais de diferentes países europeos dedicados todos á promoción e ao ensino de linguas minoritarias. O obxectivo fundamental da rede é a cooperación e intercambio mutuo de experiencias, así como a promoción da diversidade lingüística no territorio da Unión Europea.
Integran a NPLD, ademáis da Secretaría Xeral de Política Lingüística, as seguintes institucións e organismos: Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña, Viceconsellería de Política Lingüística do País Vasco, Deputación Foral de Biscaia, Goberno de Navarra, Goberno de Gales, Department of Community Rural and Gaeltacht Affairs, Conseil Regional de Bretagne, Collective Territoriale Corse, Province of Frysland, Svenska Finlands folkting, Foras na Gaeilge, Institute d’Estudis Occitan, FIBLUL Finland, Edessa – Macedonia, e Coleg Cymraeg Cenedlaethol – Gales.