Valentín García abre os XVII Encontros pola Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega

Trátase dun foro anual de información, debate e proposta para os profesionais da dinamización da lingua

Xov, 15/10/2015 - 20:06

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu este xoves á inauguración da XVII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG). O xoves e mailo venres son as dúas xornadas de traballo desta edición, cuxas prazas levan días esgotadas.

Os Encontros deste ano, fieis á motivación inicial e ao rumbo seguido na súa xa longa tradición, van centrar a súa XVII edición nos debates actuais e nos dilemas que presenta a situación sociolingüística do galego. Por iso van ter un papel central os distintos traballos de pesquisa e análises de datos que se están a desenvolver arredor da mocidade e os seus comportamentos lingüísticos, na medida en que son produto dunha situación ambiental, dunhas determinadas políticas educativas e mesmo da propia autopercepción. Coñecer os aspectos que determinan os seus usos e actitudes permitirá crear contidos demandados por mozos e mozas, e deseñar estratexias acordes co obxectivo normalizador.

Transmisión e reprodución lingüística

Outra das frontes a debater nestes encontros de 2015 é a transmisión e a reprodución lingüísticas. Tratarase tanto desde a presentación de investigacións coma mediante a mostra de iniciativas, públicas e privadas, orientadas á intervención na asunción e a transmisión do galego. A presentación e intercambio de experiencias teñen un lugar destacado nesta XVII edición

A política e a planificación lingüísticas de ámbito local compoñen outro dos núcleos destas dúas xornadas de traballo. A capacidade de intervención da administración local, co foco posto na implicación das deputacións provinciais, alternarase coa presentación de experiencias cooperativas dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), incidindo especialmente nos beneficios da coordinación e a acción conxunta para a optimización dos recursos para o fomento da lingua.

A mocidade e as Administracións

A primeira sesión de traballo contou coa participación de Xaquín Loredo, que se encargou do estudo e análise do comportamento lingüístico da mocidade galega, e de Hakan Casares, que falou dos primeiros avances na investigación sobre o comportamento lingüístico no mesmo grupo social. A segunda e definitiva xornada de traballo comezará ás 10:00 horas do venres co tema ‘O papel das administracións locais no proceso de normalización’, que contará coa participación de Xaime Subiela e de representantes das catro deputacións provinciais.

Cómpre lembrar que, como novidade deste ano, as persoas inscritas poden participar en catro grupos de Facebook creados para fomentaren a participación e o debate arredor do idioma en novos espazos de comunicación.

Menús News node R