A Consellería de Educación recorda que Galicia ten un dos prezos máis baixos das matrículas universitarias
Os custes de matrícula nas universidades galegas son os segundos máis baixos do Estado
O secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro, destacou hoxe no Parlamento que as taxas universitarias en Galicia son as segundas máis baixas do Estado.
Na súa intervención Díez de Castro recordou que a intención da Consellería era conxelar, por segundo ano consecutivo, o prezo das taxas, e que tras o acordo adoptado no mes de maio pola Conferencia General de Política Universitaria (CGPU), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tivo que subir os prezos das matrículas universitarias. Deste xeito a Xunta fixou para o presente ano un incremento do 1,5%, o mínimo acordado no encontro xa citado.
No presente curso universitario a CGPU- na que están representadas todas as comunidades autónomas e o goberno central- acordou na pasada reunión de maio que as CCAA deberán actualizar as taxas da primeira matrícula que paguen os alumnos e alumnas das universidade públicas polos graos oficiais, nunha variación comprendida entre o 1,5% e o 5,5%.
Esta variación foi presentada polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e como todos os anos é equivalente no seu límite inferior á variación do índice de prezos ao consumo entre o 30 de abril de 2009 e o mesmo día e mes deste ano, e no límite superior é de catro puntos máis.
Entre os prezos máis baixos
Cómpre recordar que grazas aos esforzos desenvolvidos pola Administración galega e as universidades as alumnas e alumnos universitarios galegos están entre os que menos pagan de matrícula no ámbito estatal. Así, a Administración galega ten o prezo dos créditos das titulacións de grao en 9,51 euros, o que o sitúa entre as más baixas xunto as Illas Canarias, e moi lonxe de Navarra que ten o mínimo en 14,52 euros, ou os 14,09 de Cataluña.
Esta decisión do goberno galego supón que os estudantes universitarios en Galicia afrontaron o comezo de curso co mínimo incremento posible das taxas universitarias. Un feito que demostra, unha vez más, a seriedade do compromiso da Xunta que aposta por medidas que apoien e potencien a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universitario e máis no contexto da situación de crise económica que se está a vivir.
A Consellería de Educación lembra que para o 2011 o orzamento de universidades será de 390 millóns de euros, o que confirma que seguirá a traballar para dar os mellores servizos educativos aos estudantes galegos, grazas a aplicar a excepcionalidade orzamentaria neste ámbito educativo.