O conselleiro de Cultura e Educación recibe as primeiras propostas de empresarios do Foro Enrique Peinador para o plan de dinamización da lingua galega

Román Rodríguez e integrantes desta entidade trataron hoxe nunha xuntanza posibles actuacións a desenvolver a prol da visibilidade e da valorización do uso da lingua propia de Galicia nas relacións empresariais e comerciais

Con este encontro, a Xunta e o Foro avanzan os traballos de elaboración dun plan pensado para dinamizar o galego nun sector estratéxico para a normalización lingüística

Mér, 10/06/2015 - 17:00
 O conselleiro de Cultura e Educación recibe as primeiras propostas de empresarios do Foro Enrique Peinador para o plan de dinamización da lingua galega
O conselleiro de Cultura e Educación recibe as primeiras propostas de empresarios do Foro Enrique Peinador para o plan de dinamización da lingua galega

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantiveron hoxe un encontro cunha ampla representación dos empresarios/as que aglutina o Foro Enrique Peinador. A orde do día desta xuntanza incluíu posibles actuacións a desenvolver a prol da visibilidade e da valoración do uso da lingua propia de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, no marco dos traballos de elaboración do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, que persegue como obxectivo último incrementar a presenza do galego neste sector.

A representación empresarial congregou no Pazo de Lestrobe a Alberto Cabada, de Aguas de Mondariz; Jorge Vázquez, de Redegal; José Manuel Pérez Canal, de Aceites Abril; Rafael Outeiral, dos estaleiros Nodosa; José Montes, de Feiraco; Alberto Vilas, de Apetamcor; José Manuel Otero, do Grupo Pousadas de Compostela; Francisco Novoa, do Grupo Academia Postal; Fernando Alcalde, de Aclunaga; Gerardo García Alvela, de Itelsis; Javier Taibo, de Egatel; Casián García, de Celtic Estores; José Turnes, de Progando; Xulio Álvarez, de Arumia; Manuel Rial, de Seguridade A-1 e Montse Maceiras, de Granitos Maceiras.

Achegarse ao mundo da empresa

Na xuntanza, que permitiu afondar nas actuacións que se levarán a cabo a prol da visibilidade e da valorización do uso da lingua propia nas relacións empresariais e comerciais, tamén participou o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez González. Con este encontro, a Xunta e o Foro Enrique Peinador seguen estreitando os lazos institucionais a favor da normalización e do emprego do galego no mundo da empresa e da economía.

Tanto o conselleiro como o secretario xeral, despois de darlles a benvida aos empresarios que se incorporaron hoxe a este foro, trasladáronlles aos empresarios/as a oportunidade e o valor engadido que supón o uso do galego no ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. De feito, a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un valor de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, abre a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio en canto a resultados económicos se refire.

Diálogo permanente co Foro Enrique Peinador

Durante esta sesión de traballo, o Foro Enrique Peinador fíxolle entrega ao conselleiro das súas primeiras propostas de actuación para o Plan de dinamización. Algunhas delas inciden na necesaria visibilización do galego como lingua de utilidade neste ámbito deseñando estratexias exitosas de modelos empresariais a seguir, así como na celebración e conmemoración de efemérides anuais que destaquen e recorden experiencias positivas coa lingua galega como vehículo de comunicación.

Outras apostan polo aproveitamento do potencial investigador e do I+D+I para que, asociados a programas de liderado, impulsen a investigación científica e a innovación en lingua galega. O documento no que se recollen todas elas será informado polo persoal técnico da Consellería e despois incorporado ao Plan.

Máis de 70 actuacións

Neste senso, cómpre lembrar que o Plan de dinamización xa lle foi remitido a un bo número de entidades implicadas no tecido socioeconómico tendo en conta a diversidade de áreas de especialización existentes. Na seguinte fase que agora comeza, a Consellería pretende incorporar o máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais antes da súa aprobación, para o que se establecen cinco áreas de traballo principais: a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio.

A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.

O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixar comportamentos.