Cultura e Educación ampliará en 30 cursos a oferta de Celga no presente ano

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, explicou no Parlamento que “imos estabilizar o sistema Celga”

Mér, 27/05/2015 - 19:52

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou ante o pleno do Parlamento que está previsto ampliar o número de cursos Celga ofertados o presente ano e advertiu que para iso, consonte coa aposta pola estabilización do sistema Celga, “imos contar cos profesores que teñan recoñecida a súa condición de laboralidade coa Consellería.” “Este persoal –dixo Román Rodríguez− será convocado, previa elaboración dunha listaxe de prelación, para impartir 30 novos cursos Celga” que van ser convocados nas vilas e localidades de Galicia que non impartan as EOI.

Na súa intervención o Román Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia “acata sempre as sentenzas e procederá a levar a efecto o que indiquen os tribunais” unha vez sexan firmes, e que a vontade de diálogo é total, “eu mesmo –afirmou o conselleiro− e o secretario xeral de Política Lingüística xa nos reunimos hai uns días co colectivo e co representante sindical”.A prioridade e a responsabilidade da Consellería, aclarou o seu titular, “é garantir unha axeitada oferta de cursos para a obtención do certificado Celga.”