A Consellería de Cultura e Educación investirá preto de 430.000 euros na ampliación do IES Perdouro (Burela)

O conselleiro anuncioullo hoxe ao alcalde da localidade lucense

Ven, 27/03/2015 - 16:25
A Consellería de Cultura e Educación investirá preto de 430.000 euros na ampliac
A Consellería de Cultura e Educación investirá preto de 430.000 euros na ampliación do IES Perdouro (Burela)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co alcalde de Burela, José González Barcia, para anunciarlle que o seu departamento ten previsto investir preto de 430.000 euros na ampliación do IES Perdouro. A actuación enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros.

O obxectivo da obra é dar resposta á demanda de novos espazos que presenta o centro a raíz da implantación da Formación Profesional Básica. En concreto está previsto crear un novo taller da familia profesional de Fabricación Mecánica no espazo antes destinado a aulas de electrónica e tecnoloxía, así como construír un novo volume de planta baixa, onde se situarán outras dúas aulas taller de tecnoloxía e de electrónica, así como aseos adaptados. En total a superficie construída será de 344 metros cadrados.

Desta forma o investimento supón unha clara aposta do Goberno galego pola consolidación da FP Básica como unha oportunidade para que os máis novos permanezan no sistema educativo e, polo tanto, forma parte da estratexia da Consellería  para loitar contra o abandono temperá.

Preto de 585.000 euros desde 2009

Estas obras únense ás melloras xa realizadas desde 2009 e á implantación de programas novidosos, de xeito que o investimento da Consellería no centro ascende a preto de 585.000 euros.

Neste sentido cómpre sinalar que se renovaron as tuberías de calefacción e parte dos canlóns e fiestras do IES. Así mesmo o centro conta con 5 aulas dixitalizadas ao abeiro do Proxecto abalar e participa tanto no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares como nos Clubs de Lectura. Así mesmo, este curso o IES desenvolve contratos-programa nas liñas de mellora da competencia matemática, do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e na de mellora da convivencia nos centros, prevención do abandono temperá e do absentismo escolar.

Á xuntanza tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde; e o director do IES Perdouro, Santiago Peña Docobo.