Cultura e Educación avanza o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, que será sometido a consulta por parte dos sectores implicados
O Plan ten como obxectivos estratéxicos crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados empresariais, estender o emprego da nosa lingua no ámbito económico e fomentar ese hábito por parte de clientes e consumidores
O Goberno galego considera que o aumento da presenza do galego neste eido terá un efecto multiplicador no conxunto da sociedade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu conta no Consello da Xunta do estado de elaboración do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, cuxo borrador inicial está a piques de concluír para, posteriormente, ser consultado e debatido cos sectores implicados co fin de que realicen as achegas que consideran oportunas e participen activamente na súa execución. Este documento ten como marco de referencia o Plan xeral de normalización lingüística de Galicia (PXNLG), que conta cunha epígrafe específica referida ao ámbito económico e que agora se vai desenvolver con liñas de traballo específicas.
O Goberno galego estableceu como eixe fundamental da política lingüística a ampliación dos usos do galego na sociedade e, especialmente, nos sectores económicos. Precisamente a este obxectivo responde este plan de dinamización agora en elaboración e que incluirá accións dirixidas aos autónomos, ás cooperativas, á banca ou ás grandes empresas, entre outras; e que tamén aproveitará os vínculos coa lusofonía.
O obxectivo final deste é incrementar a presenza do uso do galego no ámbito económico (un eido de grande influencia e prestixio) e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade. Trátase, en definitiva, de que o sector recoñeza que a adopción do galego como lingua representa un valor engadido nas relacións empresariais e comerciais.
Obxectivos estratéxicos e operativos
O documento inicial establece como obxectivos estratéxicos crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o emprego da nosa lingua neste ámbito e fomentar entre clientes e consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.
Tamén están xa definidos unha serie de obxectivos operativos como son facer visible as vantaxes que pode supoñer o uso do galego como factor de proximidade, diferenciación ou innovación; evidenciar que o seu uso é un importante índice de calidade no trato e na relación coa clientela; ou apoio e recoñecemento do traballo a prol do galego que realicen empresas e entidades, entre outros.
Para tal fin, o plan estableceu cinco áreas de actuación iniciais que son industria, comercio, cooperativismo, banca e traballo. A partir de aí, e debido á súa influencia na sociedade actual, engadíronse outras adicionais como hostalería e restauración, industria alimentaria, entidades intermedias (xestorías, asesorías, despachos de avogados, inmobiliarias…) e axencias de publicidade.
Participación activa de administracións, empresas e colectivos
No seu obxectivo de impulsar o emprego do galego no eido empresarial e comercial, o Goberno galego é consciente da necesidade de implicar ao maior número de axentes posible. O documento configúrase como un plan da Xunta de Galicia no seu conxunto e, por tanto, implica a participación activa de todas as consellerías e entidades públicas con competencias en materia económica. Ademais, cómpre incorporar de xeito proactivo entidades de especial relevancia no ámbito da normalización lingüística (como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega), as restantes administracións e entidades públicas (como as universidades), as empresas (públicas e privadas), asociacións e entidades empresariais (fundacións, centros de formación,….) e colectivos e persoas individuais sensibilizadas coa lingua.
Cronoloxía
A día de hoxe iniciouse a primeira fase do Plan coa definición xurídica da súa comisión técnica, dos obxectivos e da metodoloxía e calendario de traballo. Así mesmo, están seleccionados os obxectivos, directrices e medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) nos que se encadra este documento, a revisión das empresas obxectivo e a selección e valoración das actuacións a incluír no documento.
Logo da presentación de hoxe no Consello da Xunta, o texto inicial do Plan será remitido a todas as entidades públicas e privadas para a súa análise e debate e para que poidan realizar as achegas que consideren pertinentes. É dicir, abrirase un proceso de participación con todos os axentes implicados co fin de implementar o texto final. Unha vez concluídas as distintas fases, así como a elaboración da pertinente memoria económica, está prevista a aprobación definitiva polo Consello da Xunta deste Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 205-2020.