Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 250.000 euros na ampliación do IES Antón Losada Diéguez para prestar unha mellor oferta de FP na Estrada

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe o centro, no que se construirá un novo taller para os ciclos da familia de Transporte e mantemento de vehículos

Lun, 16/03/2015 - 13:20
O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe o centro
O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe o centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) onde anunciou que o seu departamento ten previsto un investimento de máis de 250.000 euros para a ampliación do centro, en concreto coa construción dun taller para os ciclos da familia de FP de Transporte e mantemento de vehículos e dunha aula polivalente. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa posta en valor das ensinanzas de Formación Profesional, dotando ao centro estradense dunhas mellores instalacións especialmente no que se refire á parte práctica do currículo. Neste sentido cómpre lembrar que nos últimos anos a Consellería ten dado un forte impulso á FP como unha opción de estudos que, ademais de combater o abandono temperá, ofrece unha boa oportunidade para a inserción laboral.

Esta actuación enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmase, ademais, ás melloras executadas nas instalacións deste instituto nos últimos anos, que afectaron fundamentalmente ao ximnasio aos sistemas de electricidade e calefacción. Así mesmo o IES estradense participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e no Proxecto Abalar- a través do que conta con 85 ordenadores ultraportátiles para o uso do alumnado-; así como no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, polo que conta con dúas seccións bilingües e un auxiliar de conversa nativo de EEUU. Deste xeito, a ampliación prevista agora eleva a preto de 485.000 euros o investimento da Consellería neste centro desde o ano 2009.

O conselleiro quixo ademais salientar que os novos espazos serán utilizados polo alumnado dunha familia profesional na que se está a impartir un ciclo de FP Básica, implantada ao abeiro da LOMCE. Esta nova modalidade permite ao alumnado obter un título de Formación Profesional inicial ao remate da etapa, o que favorece a permanencia dentro do sistema educativo e constitúe, polo tanto, unha ferramenta para a loita contra o abandono educativo temperá, unha das actuacións prioritarias da Consellería de Cultura e Educación.

Construción de talleres

A obra de ampliación prevista consistirá na ampliación dos talleres existentes cun módulo novo para os ciclos da familia de Transporte e mantemento de vehículos. A edificación será tipo nave, con estrutura portante metálica ou de formigón, cuberta a un auga, luces ao norte e entreplanta para aula polivalente.

O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias á comunidade educativa.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado pola directora do centro, Lourdes Dono; polo alcalde da Estrada, José López Campos; polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; entre outras autoridades.