Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 500.000 euros para ampliar o IES Armando Cotarelo Valledor

O conselleiro sinalou esta actuación no centro vilagarcián como un exemplo do compromiso do seu departamento coa mellora das instalacións nas que se imparte FP

Lun, 16/03/2015 - 11:20
 Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 500.000 euros para ampliar o
Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 500.000 euros para ampliar o IES Armando Cotarelo Valledor

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o IES Armando Cotarelo Valledor, onde comprometeu un investimento de máis de 500.000 euros para a ampliación deste centro. O obxectivo da intervención, segundo explicou, é mellorar as instalacións do instituto con atención especial ás dedicadas á FP, a través da construción de 4 novas aulas taller e mais dun novo salón de actos.

Esta actuación enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmase, ademais, ás melloras executadas nas instalacións do centro nos últimos anos; e ás achegas á súa biblioteca escolar, integrada no Plan de Mellora desde o curso 2010-2011.

Cómpre sinalar, así mesmo, que o IES foi dotado con 100 ordenadores ultraportátiles para o uso do alumnado ao abeiro do Proxecto Abalar, e que desenvolverá este ano un contrato-programa na modalidade de reforzo, orientación e apoio para dar resposta ás necesidades dos estudantes con máis dificultades. Deste xeito o investimento da Consellería en obras e na implantación de programas educativos novidosos no IES Armando Cotarelo Valledor desde 2009  - incluíndo xa a ampliación- elévase a máis de 610.000 euros.

Ampliación e reformulación de espazos

A obra de ampliación prevista consistirá na ampliación do centro a través dun novo módulo de 581 metros cadrados que albergará 4 talleres e unha aula de usos múltiples. Isto permitirá reformular espazos dentro do edificio xa existente, transformando a actual aula de usos múltiples e a vivenda do conserxe en 2 novas aulas e un taller.

Tras a reforma parte dos espazos serán destinados a ciclos de Formación Profesional, de tal forma que esta nova actuación supón, ademais dunha mellora das instalacións do IES, un novo impulso á estratexia de posta en valor destas ensinanzas que a Xunta desenvolve desde 2009 e de fomento da nova modalidade de FP Básica. Neste sentido, convértese tamén nunha nova medida en prol da permanencia dos máis novos no sistema educativo, ao ser a FP unha opción atractiva pola súa inserción laboral permitindo – mesmo no caso da FP Básica- o acceso a unha titulación que acredite a cualificación dos estudos cursados.

O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias á comunidade educativa.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, José Ignacio Castro; polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; entre outras autoridades.