Política Lingüística crea a Rede de dinamización lingüística para promover o galego desde o ámbito local

Esta iniciativa pretende favorecer a coordinación en materia de dinamización lingüística entre a Administración autonómica e as entidades locais

Mar, 21/09/2010 - 17:30
Logo
Logotipo da Rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de crear a Rede de dinamización lingüística para promover o galego desde o ámbito local. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de creación desta Rede, que pretende ser un punto deencontro para o traballo conxunto en materia de dinamización lingüística entre a Administración autonómica e a local e que ten como fin favorecer que as medidas de fomento do galego cheguen con máis amplitude e eficacia á cidadanía.

O obxectivo principal da Rede, polo tanto, consiste en favorecer a colaboración e a acción conxunta e coordinada da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das entidades locais integradas nesta Rede, que permita o intercambio de experiencias e a suma de esforzos, así como evitar duplicidade de tarefas semellantes entre diferentes administracións ou con outras organizacións que actúan na promoción do uso da lingua galega. Ademais, con esta iniciativa, Política Lingüística busca ampliar a difusión e visualización das actuacións das diferentes entidades que conformarán a Rede, ao tempo que se pretende implicar e asesorar os diferentes axentes dinamizadores para unha maior eficacia e eficiencia nas actuacións.

Definir estratexias básicas comúns en todo o territorio

Por outra banda, a Rede busca compartir unha planificación lingüística que defina estratexias básicas comúns en todo o territorio de Galicia. Ao mesmo tempo, pretende poñer á disposición de todos os membros os materiais e información básica relativa ás actividades de dinamización lingüística que se desenvolvan en cada unha das entidades integradas na Rede e ampliar a difusión destas actuacións a unha gran parte do territorio de fala galega.

A adhesión á Rede de dinamización lingüística, que non ten custo ningún, dálles aos concellos acceso a programas e actividades de tipo social, educativo, cultural, lúdico etc, destinados a promover o uso da lingua, deseñados e axustados á realidade de cada un dos municipios.

Optimizar o traballo dos servizos lingüísticos

No que respecta ao funcionamento dos servizos lingüísticos das entidades locais, a Rede permite unha optimización e coordinación, de xeito que dispoñan de máis medios e plataformas polos que divulgar o seu traballo e actividade, así como unha plataforma de formación específica para os técnicos. Neste sentido, búscase favorecer un marco de formación para os profesionais dos servizos lingüísticos, así como doutros axentes participantes nos procesos de dinamización lingüística.

Órganos da Rede

A figura dunha rede perfílase actualmente como a fórmula máis axeitada para acometer estes fins, xa que, sen lle restar competencias a ningunha das administracións que interveñen, garante extensiva e intensivamente a intervención, optimiza os recursos dispoñibles e asegura uns niveis de eficiencia axeitados.

Entre os órganos que rexen a Rede de dinamización lingüística atópase o Consello de Membros, un órgano colexiado de participación de todos os seus membros, conformado polas entidades locais adheridas e os representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ademais, están a Presidencia, a Xunta Directiva –o órgano encargado da dirección executiva–, a Coordinación Técnica e mais a Área Técnica.

Así mesmo, a Rede poderá crear as comisións de traballo ou os relatorios que sexan necesarios e axeitados para o cumprimento dos seus fins.

A iniciativa da Rede no contexto do actual marco legal

A creación da Rede de dinamización lingüística responde a obxectivos establecidos no actual marco legal. Por unha banda, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón no seu artigo 7 que “o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén a da súa Administración local” e establece que “a Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega”.

Por outra banda, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, sinala no seu artigo 22 que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará a Administración e os particulares e coordinará os servizos encamiñados a conseguir os obxectivos da dita lei. No artigo 25 do mencionado texto legal, establécese que o Goberno galego e as corporacións locais, dentro do seu ámbito, fomentarán a normalización do uso do galego no desenvolvemento de diferentes actividades.

Ademais, o Plan xeral de normalización da lingua galega recolle aquel compromiso e propón establecer un amplo proceso de coordinación entre os diferentes servizos lingüísticos, que integre deputacións, concellos, FEGAMP e outros organismos.

Menús News node R

Departamento