Continúa aberto o prazo de inscrición no I Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2010
As probas desenvolveranse a través de 12 competicións, das que sairán elixidos os representantes do equipo galego no SpainKills 2011
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza o I Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills 2010, no que se elixirán aos 12 membros que formarán o equipo galego que representará á Comunidade no campionato nacional (SpainSkills), e posteriormente nas olimpíadas mundiais deste certame.
Ademais de elixir os representantes galegos, o campionato ten por obxectivo a posta en valor da calidade das ensinanzas de Formación Profesional, motivar ao alumnado e estimular o labor do profesorado, así como potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes.
Deste xeito, a Consellería de Educación demostra unha vez máis o seu compromiso coas ensinanzas de FP, un auténtico sistema de oportunidades para a formación dos cidadáns.
Desenvolvemento das probas
As GaliciaSkills organízanse en 12 especialidades: carpintaría, ebanistería, cociña, servizo de restaurante e bar, coidados de beleza, peiteado, tecnoloxía de moda, TI PC soporte de rede, deseño web, tecnoloxía do automóbil, pintura de vehículos, e reparación de vehículos. De cada unha destas skills, elixirase ao mellor competidor e formarase o equipo galego que participará nas olimpíadas estatais. Entre os titores dos gañadores seleccionaranse tres xefes de equipo.
Polo momento, 48 alumnos de 23 centros están inscritos na competición, que consistirá no desenvolvemento dunha proba de carácter eminentemente práctico, onde cada participante demostrará a súa competencia profesional no seu ámbito.
As probas terán unha duración aproximada de entre media e unha xornada, dependendo da modalidade da que se trate.
Inscrición e requisitos
Os centros de formación profesional que desexen inscribirse aínda poden facelo cubrindo o formulario de inscrición publicado na páxina web http://www.edu.xunta.gal/fp/GaliciaSkills.htm antes do 8 de outubro. Cada centro, dependendo das familias profesionais que imparta, poderá presentar a un alumno a cada skill. O profesorado será o encargado da preparación e estimulación dos competidores para que consigan os mellores resultados na súa modalidade.
Os campionatos celebraranse en 6 centros educativos da comunidade: O IES San Clemente de Santiago de Compostela, IES A Xunqueira de Pontevedra, CIFP Someso da Coruña, IES Teis de Vigo, CIFP Compostela de Santiago de Compostela, e IES Paseo das Pontes da Coruña.
SpainSkills 2011
O equipo galego seleccionado enfrontarase aos competidores de todas as comunidades autónomas, e das cidades autónomas Ceuta e Melilla, na XXXIII edición das Olimpíadas da Formación Profesional SpainSkills 2011, que terán lugar durante a primeira semana de abril en Madrid.
Cada participante demostrará a súa competencia profesional durante catro días de competición a través dunha ou varias probas prácticas, co obxectivo final de seleccionar ao equipo que representará a España nos campionatos internacionais WorldSkills 2011, que se celebrarán en Londres, e nos europeos EuroSkills, a celebrar no 2012.
O I Campionato Galego da Formación Profesional amosa o seu compromiso de promover e elevar ao máximo nivel as ensinanzas deste nivel, como así vén facendo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria implementando progresivamente un sistema de mellora continua da calidade no sistema de FP, e da aprendizaxe permanente para que as persoas poidan afrontar con éxito os cambios na sociedade e no mercado laboral.