A Consellería de Cultura e Educación promove a aprendizaxe das ciencias e das matemáticas a través dos recursos das bibliotecas escolares

O departamento educativo da Xunta de Galicia favorece a presenza destas disciplinas a través de diferentes iniciativas, como as ‘Maletas viaxeiras científicas’ ou o Concurso de Traballos por Proxectos

Dom, 28/12/2014 - 10:42
A Consellería de Cultura e Educación promove a aprendizaxe das ciencias e das ma
A Consellería de Cultura e Educación promove a aprendizaxe das ciencias e das matemáticas a través dos recursos das bibliotecas escolares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a favorecer a aprendizaxe das ciencias a través do modelo de biblioteca escolar que impulsa, e que se manifesta claramente nos lemas elixidos polo departamento educativo da Xunta para os carteis que cada ano se envían ás bibliotecas escolares, e que nos cursos 2013/2014 e 2014/2015 foron “Ler ciencia na biblioteca escolar” e “Biblioteca escolar… matemático!!!”, respectivamente.

Para promover esta liña de actuación, a Consellería está a poñer a disposición dos centros algúns materiais de reforzo, tales como as maletas viaxeiras científicas, que poden solicitar mediante préstamo temporal, e nas que se inclúen libros, filmes e música relacionada coas matemáticas, a física e a química, a xeoloxía ou as ciencias naturais. Os materiais foron escollidos buscando alimentar o interese dos lectores, dándolles a coñecer coleccións, editoriais e autores de referencia, de tal forma que contribúan a reforzar outras iniciativas que nacen da propia comunidade escolar.

Outra das accións neste sentido foi a introdución, no Concurso de Traballos por Proxectos, dos premios a traballos de temática científica, promovendo así o seu tratamento na biblioteca escolar; liña que seguiron diferentes centros educativos de toda a xeografía galega. Acadaron premio con traballos de temática científica os centros: CEIP Agro do Muíño (Ames), CEIP Espiñeira-Aldán (Cangas), CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda (Redondela), CPI San Vicente (A Baña), CEIP A Rúa (Cangas), CPI Virxe da Saleta (Cea), CEIP Juan Rey (Lourenzá) e o CPI Cernadas de Castro (Lousame). Estes traballos, xunto aos restantes galardoados poden verse na páxina de bibliotecas escolares, no enderezo: http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=category/17/74

Mes da ciencia en galego

Ademais este ano declarouse novembro como ‘Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas’, unha celebración que se veu apoiada cun manifesto asinado polo científico Ángel Carracedo e cun folleto coas actividades programadas polas bibliotecas nodais en relación con esta temática. Así mesmo, a Consellería creou unha web temática http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/ciencia/index.php, na que se recompilaron materiais moi diversos relacionados coa ciencia en galego (recursos electrónicos, libros dixitais de dominio público, unidades didácticas descargables, páxinas especializadas, experiencias, blogues de aulas ou profesorado, etc). Inclúese unha recompilación de libros informativos sobre ciencia en lingua galega.

Ao abeiro desta iniciativa de Cultura e Educación, unha manchea de bibliotecas escolares realizaron diversos traballos que deron como froitos recursos que dan conta do bo facer dinamizador que se está a facer nos centros educativos. Moitos deles recóllense no web da Asesoría de Bibliotecas Escolares, no enlace http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/714 .

Avanzar sobre o traballo das bibliotecas

As diferentes iniciativas da Consellería neste sentido non fan máis que avanzar e impulsar un traballo que xa se viña desenvolvendo ‘motu proprio’ polas bibliotecas escolares, ben de forma espontánea ou aproveitando celebracións do Día do Medio Ambiente ou do Ano Darwin, entre outros. De feito, nestes espazos adquiríronse fondos e revistas especializadas e seleccionáronse recursos na internet que facilitaran o tratamento destas materias en blogues temáticos ou traballos escolares, boas prácticas que os centros educativos comparten nas súas canles de comunicación habitual (revista Eduga, web da Asesoría de Bibliotecas…).

Polo tanto, o modelo de biblioteca que está a impulsar o departamento educativo da Xunta responde á necesidade de ir, pouco a pouco, convertendo estes espazos en centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe de todas as materias e áreas do currículo, nos diferentes soportes e formatos; na busca dunha ‘biblioteca integral’ en continua mellora.