Cultura e Educación distinguirá os gañadores dos Premios da Cultura Galega 2014 cunha creación de Antón Pulido

O artista reuniuse con Xesús Vázquez Abad para entregarlle as oito obras que recibirán cada un dos premiados con estes galardóns

Ven, 07/11/2014 - 16:13
O artista reuniuse con Xesús Vázquez Abad para entregarlle as oito obras que rec
O artista reuniuse con Xesús Vázquez Abad para entregarlle as oito obras que recibirán cada un dos premiados con estes galardóns

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distinguirá os gañadores dos Premios da Cultura Galega 2014 cunha obra do prestixioso creador ourensán Antón Pulido. O artista reuniuse hoxe co responsable do departamento de Educación do Goberno galego, Xesús Vázquez Abad, para facerlle entrega das obras que recibirán cada un dos gañadores das oito modalidades dos Premios da Cultura Galega deste ano. No encontro tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Trátase de oito lenzos pertencentes a unha mesma serie, Kermesse, coa que o autor rende tributo a unha visión vitalista da existencia. Na serie amalgámase pintura e vida, a liña e a cor definen e expresan harmonicamente todo o que de ledicia e festa ten a nosa vida.

Cómpre lembrar que o obxectivo destes galardóns é pór en valor e darlle visibilidade ao traballo desenvolvido en beneficio da cultura galega nos ámbitos da música, das artes plásticas, das artes escénicas, do audiovisual, do patrimonio cultural, da promoción cultura, da proxección exterior e, por primeira vez na pasada edición, tamén da lingua.

Antón Pulido Nóvoa

O pintor, nado en Bóveda de Amoeiro, é un dos artistas galegos máis relevantes da actualidade e forma parte do grupo Atlántica, que revolucionou a arte galega da segunda metade do século XX, e cuxa influencia pervive aínda hoxe en día.

Ademais da súa faceta como pintor, ao longo da súa traxectoria profesional realiza unha intensa labor como deseñador de libros, revistas, ilustracións, logotipos,  congresos,  e carteis  entre outros. Antón Pulido tamén ocupou cargos institucionais como a Dirección Xeral de Cultura e foi o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporáneo.